Andrea Davila Rubio inaugura en NÉBOA a exposición a «sweaty dispersal into the fog».
O xoves 3 de xullo ás 19:30 h Entrada de balde.
Comisariada por Nuria López Blanco.
A mostra preséntase como unha proposta singular que entrelaza escultura, corpo e paisaxe desde unha óptica feminista posthumana, e poderá visitarse durante os meses de verán.

A exposición nace do proxecto iniciado por Davila durante a súa residencia en Atelier Mondial–Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW de Basilea (Suíza), e dá continuidade a unha investigación artística centrada na relación entre o corpo e o seu contorno como ecosistema vivo, poroso e afectivo.  A través dunha práctica escultórica guiada pola intuición e polo comportamento dos materiais —fibra de vidro, aceiro inoxidable, auga salgada, imaxes recollidas da paisaxe—, a artista propón un achegamento sensíbel e non xerárquico entre o humano e o non humano.

A obra de Davila Rubio sitúase no cruce entre escultura, ecoloxía afectiva e experiencia corporal. Desde este lugar, a exposición a sweaty dispersal into the fog evoca unha coreografía líquida de corpos que transpiran, se evaporan, se transforman e cohabitan un mesmo espazo brumoso e salgado: corpos vexetais, corpos hídricos, corpos que se arrefecen ao ritmo da respiración.

A mostra acompáñase dun texto comisarial que narra a experiencia de correr xunto á ría, onde o corpo entra en contacto coa humidade, a luz, o salitre e o metal. En palabras da comisaria, “o traballo de Andrea existe nese lugar e nese momento, no que ela deixa de correr, no que o alento seca e o suor disípase nesa néboa salgada”. Este xesto poético tradúcese nunha instalación que convida a repensar a nosa maneira de habitar e coidar o contorno desde o corpo e os seus límites difusos.

Sobre a artista:

Andrea Davila Rubio (Boiro, Pontevedra, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. 

A súa obra foi exposta en espazos como der TANK (Basilea), Fundación Sales (Vigo), Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona) e Matadero Madrid, entre outros. Ten recibido numerosos premios, e a súa obra forma parte das coleccións públicas da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.

Galería NÉBOA

Lamas de Prado 31, 27004 Lugo | info@galerianeboa.com | T. +34 626 324 281 | www.galerianeboa.com