Xuño 2018 A exposición «A Idade do Ferro. Unha tradición entre Lugo e Asturias», organizada polo Museo do Pobo Galego, é o froito do traballo durante un trienio do fotoxornalista José M. Salgado, dentro da área xeográfica do val do río Eo (tanto na súa vertente galega coma asturiana) na busca dos últimos ferreiros das comarcas da Fonsagrada, Terra de Miranda, Oscos e Taramundi. Coñece a tradición e as súas fascinantes historias na Sede Afundación de Lugo ata o 14 de xullo. (HORARIO: Luns a sábados, 18.00 a 21.00 h. Domingos e festivos, pechado. ENTRADA: Gratuíta)

 O mundo da labranza do ferro na área fronteiriza galaico-asturiana dotou dunha personalidade propia estas terras durante séculos. Este ensaio fotográfico lévanos coñecer intimamente as xentes do ferro, os maiores (xa retirados en moitos casos), os traballadores en activo e as novas incorporacións (nalgún caso, coma nos Oscos, de xentes foráneas) que dan alento a unha profesión milenaria. Tamén se deixa entrever claramente a influencia dos ferróns vascos e navarros, que emigraron, ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII desde Euskadi e Navarra a Asturias e Galicia e foron os responsables de boa parte das ferrerías hidráulicas galegas e asturianas.

Do total dos ferreiros retratados, un bo número seguen en activo, especialmente nos municipios de Riotorto (en Lugo) e Taramundi (Asturias). No primeiro caso, o produto principal foi desde décadas os fouciños de todo tipo. Neste municipio, ata os anos sesenta da pasada década enviábanse camións deste produto ás segas das dúas mesetas. No caso de Taramundi, o auxe do turismo rural na zona, desde hai trinta anos, favoreceu o auxe da produción das navallas típicas da zona, que hoxe son a icona e o souvenir principal. Cada artesán (hai máis de quince) ten o seu enfoque respecto da tradición. Algúns seguen con producións pequenas e o sistema de forxa tradicional; noutros casos, incorporaron certa mecanización.

Un caso particular dentro do conxunto, constitúeno os artesáns que actualmente traballan na comarca asturiana de Oscos: un austríaco, Friedric Bramsteidhl, unha xaponesa, Keiko, e o seu home José Román Toquero, vallisoletano, manteñen viva a artesanía do ferro na zona, xa que os poucos artesáns que aínda sobreviven oriúndos da zona, xubiláronse xa. O traballo de José M. Salgado explora, ademais da paisaxe humana, os escenarios xeográficos e os vestixios industriais da idade moderna, cando nesta zona limítrofe os traballadores do ferro se contaban por centos.

josemsalgado

Son, pouco máis ou menos, en torno a sesenta ferreiros, máis de medio centenar de historias persoais na área europea con maior concentración, aínda hoxe, de forxas en activo. A exposición no seu conxunto constitúe un documento etnográfico peneirado polo ollo fotográfico contemporáneo que contribúe dun xeito directo, sen retóricas e sen a necesidade dunha presentación previa. O fotógrafo tivo en mente os pioneiros da fotografía etnográfica de hai un século, Ferrer, Suárez, Ruth Mathilda Anderson ou W. Ebeling, (que percorreu igualmente os camiños, as forxas e mazos de Riotorto, en Lugo), así coma as correntes contemporáneas do foto-documentalismo. O que a exposición mostra, malia un verniz aparentemente costumista, é a realidade no momento actual, na segunda decena do século XXI, dunha actividade laboral en declive, en que se expresa a difícil adaptación ás contornas cambiantes que moitas áreas rurais experimentaron.

José M. Salgado, A Coruña, 1968

Xornalista e fotógrafo, promove distintas actividades relacionadas coa difusión cultural, comisariado de exposicións, edición de libros, etc. Acumula unha ampla experiencia no ámbito da documentación etnográfica, unha vagaxe que constituiu o impulso definitivo para a presente mostra. No eido fotográfico, esta veta documental é unha das ramas que máis cultiva e o define. En A idade de ferro. Unha tradición entre Lugo e Asturias preséntase unha escolma de imaxes, reunidas nun amplo estudo sobre o asunto que se editará ao longo deste ano en formato libro.