Exposición do pintor lucense García-Gesto en Afundación Lugo: «García-Gesto, a inquietude creativa». 
No ano en que se cumpren 60 anos da súa primeira exposición, no Círculo de las Artes de Lugo, Afundación convida a penetrar no universo creativo dun dos artistas máis interesantes que deu a cidade de Lugo

A mostra propón un percorrido artístico e vital a propósito de García-Gesto e a súa obra. Permanecerá aberta ata o vindeiro 25 de maio en Afundación Lugo.

Composta por 56 obras que datan desde 1972, as máis antigas, ata 2022, as máis recentes, a mostra percorre algunhas das súas series máis emblemáticas: «Sobremesa», «Vento», «Lizos», «Lucy» ou «Augas do Eume», entre outras.

Tal e como sinalou a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, durante a inauguración, «exposicións coma esta permítennos contemplar a magnitude do noso patrimonio local, que non só se admira na nosa contorna, senón que é aplaudido e recoñecido fóra das murallas, en espazos que chegan á internacionalización».

Versatilidade

Joaquín García-Gesto naceu en Lugo en 1948.

Formouse na Real Academia de Bellas de San Fernando.

Tivo dende moi novo unha destacada carreira pictórica.

Con tan só 25 anos recibiría a Medalla ao Mérito de Belas Artes.

Nas seis décadas que transcorreron dende a súa primeira exposición na súa cidade, a obra de García-Gesto foi exposta en países de Europa e América. E forma parte dalgunhas das principais coleccións de Galicia, España e Europa.

En palabras da autora dos textos analíticos da exposición, Lucila Yáñez, «García-Gesto: A inquietude creativa» convida a «percorrer as distintas etapas da produción -do pintor- e comprobar a súa versatilidade, tanto na elección dos temas como na aplicación das técnicas e materiais. As pezas expostas amosan os anos de formación, a asimilación de procedementos artísticos, o intercambio de ideas e experiencias con outros artistas. Pero, sobre todo, confirman a capacidade do pintor para reactivarse e asumir a cada paso novos retos cos que manter a súa paixón pola pintura».

A «exquisita» obra recente de García-Gesto 

Unha gran parte das obras expostas pertencen ao ámbito da abstracción. «Pero sen prescindir do contrapunto figurativo», matiza Lucila Yáñez. E o público que se achegue á sede da Obra Social de ABANCA en Lugo poderá ver «cadros que son paisaxes sen ser paisaxes, que evocan máis que representan; fondos que se estenden como prados, augas como espellos escuros; lenzos que emocionan polo efecto óptico logrado con puros toques de cores que interactúan, que impresionan».

Na exposición tamén están algunhas das obras máis recentes de Joaquín García-Gesto. Trátase, en palabras da experta na obra do pintor, «de cadros nos que reformula propostas anteriores pero vai máis aló para interpretar a temática da auga, dos ríos ou dos mares, cun lirismo extremo. Exquisito».

A exposición de García-Gesto forma parte do programa solidario «Cultura por Alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Os asistentes poderán colaborar depositando produtos non perecedoiros nos colectores habilitados para tal fin no acceso á Sede de Afundación. Serán repartidos na contorna de Lugo polo Banco de Alimentos local.

ONDE:

Sede Afundación Lugo

Praza Maior, 16 / Praza Santa María, s/n. Lugo (Lugo)

DATAS:

22 FEB a 25 MAI 2024

ENTRADA:

Gratuíta