Guido Guía conecta ao público con artistas lucenses.
O guía turístico e divulgador cultural Guido Guía acaba de lanzar #UnhaTardeCon, un novidoso proxecto que permitirá ao público compartir unha tarde enteira con artistas lucenses, coñecer o seu traballo en primeira persoa, e participar en experiencias creativas.
Cada encontro inclúe visitas a murais ou estudos, charlas, pequenas actividades, e nalgúns casos un agasallo dos creadores.
A acollida non puido ser mellor dende que se anunciou en redes a semana pasada: a primeira sesión, o venres 2 de xaneiro con Diego AS, esgotou as 35 prazas en só 24 horas, mentres que a segunda, con Miguel Anxo Macía, conta xa con case todas as reservas feitas (quedan só 3 prazas).
Na actividade con Diego AS os participantes realizarán un percorrido polos seus murais, visitarán o seu estudo na rúa Ramón Montenegro, recibirán un agasallo do artista, e poderán compartir (por libre, quen se anime) un momento final tomando algo no emblemático Club Clavicémbalo.
Na sesión con Macía a visita ao seu estudo do barrio do Carme incluirá tamén unha charla titulada “Como se afronta unha obra de arte” e o agasallo do libro Biografía de Macía, escrito polo doutor en Filoloxía Camilo Gómez Torres. Para quen se anime, por libre, rematarase a xornada tomando algo no Rincón do Bocata (na rúa Montevideo).
Ambas actividades (tanto a de Diego como a de Macía) comezarán ás 17:00 horas. O prezo por participante é de 12 € por persoa, cun desconto do 50% para menores de 18, e gratuidade de 0 a 2 anos. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com
Guido Guía anunciará nas próximas semanas novas datas con artistas como Noa Persán, Yoe 33, Daniel Caxigueiro, Xoán Vila, Dani (do proxecto Muro Mola), Pablo Lage, Rubén Paz ou Borja Porto.
Segundo explica Guido, #UnhaTardeCon busca “que a xente coñeza de primeira man aos e ás grandes artistas que temos en Lugo”, ofrecendo unha experiencia cultural próxima, participativa e profundamente lucense.






























