Mostra sobre a pioneira María Corredoira no Museo Provincial de Lugo ata o 31 de maio.

Inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición “María Corredoira”, unha escolma representativa da obra da pintora coruñesa que reivindica a súa traxectoría artística como unha das máis destacadas da arte galega do século XX.

Inclúe unha vintena de obras, procedentes dos fondos do propio Museo Provincial e de préstamos de coleccións públicas e privadas como o Museo de Belas Artes de Coruña, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Afundación, o Museo Municipal de Vigo «Quiñones de León», Artemanz Espacio de Arte e, sobre todo, a Real Academia Galega de Belas Artes, representada na inauguración por Mónica Alonso.

Comisariada por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, a mostra fai un percorrido pola súa obra – na que predominan os retratos
e os interiores conventuais -, pero ofrece tamén documentación que incide na súa condición de muller pioneira na docencia artística e na incorporación ás institucións representativas da arte galega, como a RAGBA. Ingresou en 1938, xunto a Lola Díaz Baliño, converténdose nas primeiras mulleres académicas.

A exposición, que poderá verse na sala de exposicións temporais do MpL ata o 31 de maio, forma parte, como primeira andadura, do proxecto ‘(Re)coñecer? (Re)presentar? (Re)distribuír? da Rede Museística Provincial’ que porá a obra de mulleres artistas no centro de interese e que terá continuidade ao longo deste ano 2023.

Datas: do 15 marzo ao 31 de maio 2023

Comisariado e coordinación: Encarna Lago e Aurelia Balseiro.

Horario de visitas

De martes a sábado: 10:00 a 13:30h. e de 16:00 a 20:30h.
Domingos e festivos: 10:00 a 15:00h.

Luns pechado. Entrada gratuíta