No ADN da Rede Museística Provincial de Lugo está desde a súa creación no ano 2006 conseguir museos accesibles e inclusivos nos que ninguén quede fóra do acceso ao patrimonio por causas económicas, sociais, de xénero, culturais, … contando cun programa institucional inclusivo que sitúa aos museos de Lugo á vangarda en proxectos deste tipo.

Logo de facer que os museos sexan accesibles tanto física como sensorial e cognoscitivamente e que as persoas que conforman a plantilla estivesen formadas para a atención de todo tipo de públicos, traballaron, xa desde 2007, nunha programación inclusiva, permitindo a participación de toda a comunidade, feito que ten sido recoñecido con diversos premios (premio Galicia Inclusión Anade en el 2017, premio Mellor Iniciativa Institucional en 2020 COGAMI e premio ONCE Solidaridade en 2011, por exemplo).

Os museos de Lugo son sanadores
PROXECTOS

Sinalamos aquí só algún deles. Visita a súa web para coñecer a fondo o traballo da RMPL:

COÑECELAS É RECOÑECELAS

Posta en valor da memoria individual das mulleres con discapacidade da provincia de Lugo.  A partir do día 18 de setembro, comezamos unha serie de conversas e entrevistas con mulleres con discapacidade da provincia de Lugo nas que unindo oralidade e tecnoloxía darán como resultado un mapa
sonoro das voces xeolocalizadas destas mulleres que presentaremos o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade, para coñecer e visibilizar, comprender e recoñecer os procesos vitais das mulleres con discapacidade.

RECUPERAR ONDE VIVIMOS , REIMAXINAR ONDE VIVIREMOS

Esta actividade está aberta á participación de todos os colectivos e nela traballaremos ao redor de tres datas que marcan o “ ronsel”, a pegada, o rastro que estamos a debuxar: o pasado, representado no nacemento da Rede Museística en 2006, o presente co 18 de maio, Día Internacional dos Museos, como punto de partida e o futuro coa vista posta na consecución dos Obxectivos da Axenda 2030.

Así, desde o 18 de maio ata o 18 de decembro, Día Internacional das Migracións, recolleremos imaxes do pasado relacionadas cos lugares que habitamos: prazas, edificios, tendas, paisaxes polos que discorría a cotiandade que queremos recuperar.

EMOCIÓNARTE

O 10 de outubro conmemórase o Día Internacional da Saúde Mental, que este ano ten como lema: A saúde mental. Un dereito necesario.
Mañá podes ser ti.

Fomentar o coidado e a procura do benestar eliminando os estigmas que a enfermidade mental conleva, usando os fondos dos museos xunto coa creatividade e a arte como ferramentas terapéuticas e de transformación é a premisa que nos leva a deseñar unha unidade didáctica que se ofertará á comunidade educativa, para que o alumnado tome conciencia o máis cedo posible desta realidade.

FOTOGRAFÍA A CEGAS

Este proxecto de continuidade da Rede Museística Provincial de Lugo nace no ano 2012 froito da necesidade de adaptar o posto de traballo de unha persoa con discapcidade visual que pasa a formar parte da plantilla da Rede.

Esta necesidade individual dunha persoa convírtese nunha oportunidade que se lle vai a ofertar ao colectivo de persoas cegas e con discapacidade visual de achegarse ás coleccións dos museos que conforman a Rede e aos seus territorios e ás realidades das súas comunidades, desde unha perspectiva negada a este colectivo, á da imaxe refrectida na fotografía como expresión de emocións e sentimentos.

Despois de catro edicións, este ano 2021 «FOTOGRAFÍA A CEGAS», someterá ao noso patrimonio a unha interpretación visual e fotográfica por parte de persoas cegas e con discapacidade visual, e que rematará cunha exposición dos traballos realizados por elas.

SAUDARTE

O obxectivo deste proxecto é humanizar a estancia hospitalaria dos pacientes pediátricos a través da experiencia cultural nos museos da Rede Museística Provincial, ofrecendo unha programación de actividades que se centran nas necesidades e na atención individualizada de cada neno ou nena, así como das súas familias.

FACÉMONOS ESCOITAR? MAPA SONORO DA MEMORIA COLECTIVA LUCENSE VINCULADA Á REALIDAE LGTBIQA+.

Mediante un chamamento dirixido á poboación de todo o territorio lucense desde o mes de xuño de 2021, recompilaremos a través de audios de móvil testemuñas orais nas que se transmiten vivencias, anécdotas, experiencias e lembranzas vinculadas á temática LGTBIQA+ acaecidas ao longo do territorio provincial.

Resultado deste proceso obteremos un mapa sonoro formado por fragmentos de audio de numerosas persoas que ao longo das súas vidas viviron, presenciaron, sufriron ou celebraron momentos, afectos e vivencias que hoxe en día constrúen a realidade LGTBIQA+ da provincia de Lugo e que nos sitúan nun determinado punto do camiño no avance cara a construción de sociedades nas que pague a pena vivir.

Este proxecto é froito dunha colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial, o Colectivo Agrocuir da Ulloa e a Cooperativa Indaga, no marco das celebracións do Orgullo LGTB 2021.

CULTURAS EN DIÁLOGO

Programa de museoloxía social que formula un traballo de arqueoloxía emocional entre Lugo e Arxentina, coa posta en valor e humanización dos seus testemuños, en clave intercultural, entre diferentes xeracións e institucións museísticas, fomentando a creación multidisciplinar e onde se destaca a participación social de todos os colectivos da comunidade.