Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e máis as dúas restauradoras que executaron os traballos, Isabel Mena e Alba Labrador.
A vidreira do Museo de Lugo loce renovada tras os traballos de restauración das últimas semanas

A vidrieira que ilumina a escaleira principal do Museo de Lugo loce renovada tras os traballos de restauración que se levaron a cabo para resolver os problemas de conservación que presentaba, especialmente nos materiais e na estrutura de montaxe dos paneis.

Os traballos centráronse na limpeza dos paneis policromados e na consolidación da montaxe, que presentaba os maiores danos na parte inferior.

Durante a actuación,  realizada pola empresa especializada Granda&Mena e supervisada polo departamento de Restauración do Museo de Lugo, desveláronse intervencíons de mantemento anteriores e detalles de como foi construída e montada, en 1954, tres anos antes de que o edificio do antigo convento de San Francisco se inaugurase como Museo de Lugo (ata daquela, o Museo estaba no Pazo de San Marcos).

Descrición artística da vidreira

Instalada no oco rectangular rematado en arco de medio punto que ilumina a escaleira principal de acceso á primeira planta do Museo de Lugo, orientado ao xardín da rúa Nova, a vidreira, datada no 1954, está composta por unha parte central de paneis de vidro incoloro texturado e unha faixa perimétrica con decoración mixta de vidro pintado á grisalla e perfís de chumbo.

No plafón correspondente co arco de medio punto, represéntase o escudo da cidade de Lugo e na zona do banco inferior, un tondo con profusa decoración de volutas e motivos florais identifica o edificio e a data: «MUSEO PROVINCIAL / AÑO 1954». As súas dimensións son 1’8 m. de ancho por aproximadamente 4’75 m. de alto.

A vicepresidenta Maite Ferreiro saudou «a culminación duns traballos cos que se recupera e pon en valor a vidreira e con ela o conxunto do edificio” que, lembrou, ten a consideración de Ben de Interese Cultural desde 1962”. Nese punto, sinalou a “importancia dos traballos de conservación preventiva”, así como outras actuacións que se teñen realizado neste ámbito nos últimos meses, entre eles, a remodelación da sala monográfica dedicada a Julio Prieto Nespereira que supuxo a substitución do enmarcado e a revisión do estado de conservació nda obra exposta do artista no Museo de Lugo.

A directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, incidiu nese mesmo aspecto e valorou a oportunidade de contar no acto coas restauradoras e divulgar o traballo técnico que requiren este tipo de actuacións”.