As desterradas de Carme Varela, XXV Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, preséntase no Museo Provincial de Lugo
A presentación realizarase o domingo 3 de outubro, ás 12 h, e contará coa participación da premiada autora, Carme Varela, e da escritora de Arcos, Castroverde, Ánxela Gracián.

As desterradas de Carme Varela, XXV Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, preséntase no Museo Provincial de Lugo o domingo 3 de outubro, ás 12 h, e contará coa participación da premiada autora, Carme Varela, e da escritora de Arcos, Castroverde, Ánxela Gracián.

A asistencia, debido ao aforo limitado correspondente ás medidas sanitarias COVID-19, debe solicitarse por correo electrónico a xeiras.osorrisodedaniel@gmail.com ou por whatsapp ao 649 410 797, indicando nome completo, teléfono e procedencia.

O acto está organizado pola Asociación O Sorriso de Daniel e a Rede Museística Provincial de Lugo.

Unha historia de resistencia

A obra narra unha historia de resistencia protagonizada por un pequeno grupo de monxas que mantiveron unha valente e desigual pelexa cos grandes poderes do seu tempo: a coroa e o papado. A peza recrea eses días finais no mosteiro de Albeos.

Nesta parroquia do municipio pontevedrés de Crecente, houbo un mosteiro habitado por monxas bieitas. Di a tradición que se ergueu co que había de herdar o neno mártir San Paio, que era orixinario desa parroquia e que as monxas viviron nel por séculos. Entre finais do século XV e comezos do XVI as monxas de Albeos foron vítimas dunha persecución que as privou das súas propiedades. Lonxe quedaba o tempo no que os abades de San Bieito de Valladolid se queixaban amargamente do apoio da curia romana ás monxas galegas.

As Desterradas, un texto para a memoria.

En 2019 as ruínas de Albeos foron obxecto dunha significativa limpeza convocada pola Asoc. patrimonial O Sorriso de Daniel e Carme Varela escribiu As Desterradas, unha peza teatral que recrea os últimos días das monxas en Albeos e agora publicada por Xerais.

Carme Varela, a autora

Escritora, activista, fundadora da AC O Sorriso de Daniel, con esta obra Carme Varela regresa ao mundo do teatro, ámbito co que mantivo estreitos vínculos desde finais dos 80, especialmente en tarefas de produción e distribución para compañías como Ollomoltranvía, Mofa e Befa ou Sapristi, a empresa de servizos técnicos RTA e o Centro Dramático Galego, onde exerceu como xefa de produción.

Durante 12 anos foi, ademais, secretaria técnica da Fundación Castelao e desde 2007 desenvolve a súa traxectoria como profesional nunha empresa de comunicación.