O prazo de presentación dos traballos, que deberán entregarse no departamento de Cultura, na Casa Consistorial, remata o luns, 31 de decembro
O concurso está dotado cun único premio de 4.000 euros e a obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galiciao.
Novembro 2018 Búscase relevo para a obra «Tres pintores» de Xosé Cid, gañadora da edición pasada do certame Anxel Fole que a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, acaba de convocar de novo e que está dotado cun único premio de 4.000 euros e a obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galicia.
Poderán presentarse autores e autoras de calquera nacionalidade, coa condición de que as obras deben estar escritas en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academía Galega. As creacións deben ser orixinais e inéditas, o que implica que estas non foron comunicadas nin na súa totalidade nin en parte por ningún outro tipo de procedemento.
Pódese tratar dunha novela ou dun conxunto de relatos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 100, é dicir entre 90.000 e 180.000 carácteres con espazos. Pode ser presentada máis dunha obra por autor ou autora, sempre en envíos separados.
Nas bases especifícase que deberán presentarse tres exemplares mecanografados en follas impresas por unha cara, cunha letra e tamaño facilmente lexibles, paxinadas e encadernadas, no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, situado na Praza Maior, 1, indicando no exterior do paquete o seguinte texto, Para o XXI Certame Ánxel Fole. O prazo de presentación dos traballos remata o luns, 31 de decembro.
Como é preceptivo neste tipo de certames, os orixinais presentaranse nun paquete baixo lema ou pseudónimo, sen dato significativo algún. Dentro deste, noutro sobre pechado, en cuxo exterior constará o mesmo lema ou pseudónimo e o título da obra, figurará o nome completo, enderezo e datos persoais do autor. A reunión do xurado para discernir o premio realizarase sempre antes do 31 de marzo do 2019.
As bases completas deste certame poden consultarse a través do teléfono de información municipal 010 ou na páxina web municipal www.lugo.gal