A mostra “Modelando vidas”, estará exposta ata o 27 de xaneiro, e esta composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste autor valenciano. Esta iniciativa forma parte do colectivo Tá en Artes
 Puchades, escultor e docente afincado en Mondoñedo, estudou Belas Artes especializándose en escultura. Dende 1970 exerceu como catedrático de Debuxo de ensino medio no IES San Rosendo, ademais formou parte do Grupo Los Urogallos

Novembro 2018 Esta semana inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición “Modelando vidas”, do escultor valenciano Juan Puchades, que estará aberta ata o día 27 de xaneiro. No acto estiveron o Presidente da Deputación, a Deputada de Cultura, e o propio artista. Campos Conde remarcou que “esta nova retrospectiva culmina a obra deste artista nato, fillo Adoptivo de Mondoñedo, un home que soubo traballar como ninguén a madeira, o bronce, a pedra e o ferro, polo que recibiu numerosos premios”.

Esta colección está composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste autor. Ademais, o Goberno da Deputación xa editou un catalogo coa obra de Puchades, e tamén realizará unha nova publicación coas pezas que poden contemplarse neste Museo Provincial.

PUCHADES
Juan Bautista Puchades Quilis, escultor e docente, naceu en Valencia o 16 de marzo de 1934. Estudou Belas Artes na Escola Superior de San Carlos da súa cidade natal -onde se especializou en escultura- e, dende 1970, é catedrático de Debuxo no ensino medio. En 1960, tras aprobar as oposicións, trasladouse a Mondoñedo para exercer como profesor no Instituto San Rosendo. Hai que sinalar, con respecto á súa actividade artística, que traballa a madeira, o bronce, a pedra e o ferro. Ademais, ten unha obra na exposición permanente do Museo Provincial de Lugo e en distintas coleccións públicas e privadas de España, Suíza, Portugal, Francia ou Arxentina.

Obtivo diferentes galardóns: primeiro premio Mestre Mateo (Santiago de Compostela,1971), primeiro premio Concurso-Exposición de Arte (Concello de Segorbe, Castellón, 1974), primeiro premio no Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo (1976) e o primeiro premio na III Bienal de Escultura de Sarria (Lugo, 1977).

Pertenceu a distintos colectivos como Los Urogallos, Escultores Gallegos, grupo artístico e cultural O Feitizo, do que foi un dos seus fundadores, e ao grupo de Artistas Plásticos Lucenses. É autor, entre outras moitas obras, de Mariñeiros na brega (representación de dous mariñeiros tirando dun cabo que suxeita a proa dunha embarcación, obra feita en ferro en 1975, primeiro premio Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo, doazón do Patronato ao Museo Provincial de Lugo), e de numerosa obra pública como Monumento aos caídos (Lugo, 1962), Homenaxe ás xentes do mar (Burela, 1984), Familia, Monumento á vida natural (Alfoz, 1992 e 1995), Antón Noriega Varela (Mondoñedo, 1969), Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1991), Chicho Balado (Monforte de Lemos, 1996), Antonio Gandoy Díaz, o cura da bicicleta, Puro Cora (Lugo, 2004 e 2008) e de Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1998).

Tá en Artes
Este colectivo agrupa a un grupo de profesionais que a través do seu proxecto queren potenciar e impulsar a arte na Mariña. Este ano dentro dos actos programados renden homenaxe ao artista Juan Puchades, dentro do slogan Arte-Educació, que leva como proposta a Escultura e o Patrimonio, e no que se traballou en tódolos centros escolares da Mariña, co fin de dar a coñecer a obra deste artista afincado en Mondoñedo.