Luz Pozo Garza.
Foto de Luz Pozo Garza. Fonte: Real Academia Galega.

A Real Academia Galega ven de informar do pasamento de Luz Pozo Garza. A decana da poesía galega, nada en Ribadeo en 1922, finou este luns 20/04 na Coruña, a cidade na que residía dende finais dos anos 80.

A poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio formaba parte da RAG dende 1950, cando con só 28 anos foi nomeada membro correspondente, e dende 1996 era académica de número.

A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir.

En 2019 publicou o seu último libro, ‘Pazo de Tor’, un libro de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna.

A concelleira de cultura de Lugo e vicepresidenta da deputación, Maite Ferreiro, mostrou o seu pesarpola perda da autora, “unha das voces esenciais da  literatura galega e unha pioneira, que se impuxo aos prexuizos cos que as mulleres tiveron que loitar para abrirse camiño no mundo literario nos difíciles tempos da posguerra e da ditadura”. “Teremos sempre presente a súa obra e tamén o seu agarimo pola Mariña e por Lemos, onde están as súas orixes”.

Maite Ferreiro tamén quixo trasladar o pesar á familia e ás persoas máis achegadas á poeta, a segunda muller, tras Olga Gallego, en ocupar unha
cadeira no pleno da Real Academia Galega e a primeira en desempeñar un posto de dirección na institución da que foi vicesecetaria entre 1997 e
2001.

A Mariña e Lemos na súa biografía e na súa obra

A autora, que naceu en Ribadeo no 1922 e residiu parte da súa vida en Viveiro deixando unha fonda pegada nas dúas vilas, reivindicou os seus
lazos coa Mariña Lucense. En 2018 foi nomeada filla adoptiva de Viveiro e en xaneiro deste 2020 foi recoñecida como filla predilecta de Ribadeo, onde conta cun monolito instalado pola Asociación de Escritores en Galego (AELG).

O seu derradeiro poemario “Pazo de Tor” (Alvarellos, 2019) sinala tamén os vínculos da súa familia materna coa comarca de Lemos. O libro recolle
trinta poemas que a académica escribiu a raíz da súa primeira visita ao pazo monfortino, no que os Garza residiron arredor do século XIV e que
na actualidade forma parte da Rede Museística Provincial.