A área de Xuventude do Concello de Lugo impartirá de xeito online asesorías xurídicas e psicolóxicas de balde destinadas á mocidade lucense, mentres se manteña a actual situación de alerta sanitaria.
Así o informou a edil de Igualdade, Muller e Xuventude, Ana González Abelleira, quen explicou que “o confinamento e peche das instalacións municipais non nos permite continuar coas asesorías xuvenís como se estaban a celebrar de forma presencial, motivo polo cal decidimos ofrecerlle á mocidade a posibilidade de retomar este servizo, de maneira virtual”.
Os encontros en liña terán lugar a través da plataforma gratuíta Google Meet mantendo os horarios das asesorías, en sesións individuais de máximo 30 minutos de duración. Para participar será necesario solicitar cita previa enviando un email ao enderezo: asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com.
Neste correo os interesados deberán achegar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto) así como un consentimento expreso para compartir imaxe en vivo co Concello. A continuación recibirán unha confirmación, co día e a hora da asesoría. Así mesmo, 15 minutos antes de que teña lugar o encontro online, os participantes recibirán no seu email un código para introducir na plataforma Google Meet co que acceder á reunión.
Servizos ofertados
– Asesoría xurídica, horario de 19:30 a 21:00 horas, os luns e mércores: Temas administrativos (axudas publicas…); Civil (hipotecas…); Penais (violencia de xénero…); Laborais (ERTE), etc.
– Asesoría psicolóxica, horario de 18:00 a 20:00 horas, os martes e xoves. As asesorías psicolóxicas son un servizo de escoita, información, apoio e orientación, dirixido exclusivamente á mocidade de Lugo, no que se garante a confidencialidade e a intimidade das persoas usuarias.