O «Arde Lucus» e o «San Froilán» na mirada de Xurxo Lobato.
Entrevistamos ao multipremiado reporteiro gráfico a propósito do seu novo libro: «Galicia é unha festa»
Arde Lucus no libro Galicia e unha festa de Xurxo Lobato

Comezaba a camiñar este proxecto, este medio dixital, en setembro do 2017 e alí estábamos, na Librería Trama para falar e fotografiar a un dos nosos referentes: o fotógrafo Xurxo Lobato. Daquelas presentaba en Lugo o seu libro «Vento nas Velas», e nós non podíamos cos nervios das primeiras veces e sobre todo coa presión de fotografiar a un fotógrafo de recoñecido prestixio.

A amabilidade e cercanía de Xurxo, o interese e entusiasmo polo noso proxecto (máis que polo seu libro) axudou a calmar os nervios e quitar todas a presión do novato fotógrafo que «enfrentábase» ao sagrado – e consagrado – reporteiro gráfico. 

Coincidimos máis veces con Xurxo – é un gran seguidor noso desde aquela primeira vez, por certo – pero gustamos de lembrar esa primeira vez polo valor emocional (para nós) e polos consellos que nos deixou (para todos os que se inician na fotografía): 

«A técnica é un instrumento e a fotografía é creación, non confundamos o instrumento para crear e non convirtamos o instrumento nun fin»
 
 «As fotos non as fan as cámaras, non gastes cartos en grandes cámaras e obxectivos… gasta en bos cursos, libros, etc …unha vez que aprendas a mirar: as fotos sairán»

Desta volta «presenta» (a pandemia interrumpiu as presentacións físicas) «Galicia é unha festa» polo que aproveitamos para falar con él e que nos conte cousas sobre o mesmo:

Qué podemos atopar no libro «Galicia é unha festa»?

O libro recolle as festas galegas de Interese Turístico Internacional, Nacional e máis singulares de interese galego. Con textos do académico Felipe Senen en galego, español e inglés. E unha ficha para cada festa escrita por Omayra Lista. 152 páxinas, tapa dura. Un capitulo diferenciado onde se retratan 29 entroidos.
É un libro único destas características.

Debeu ser un traballo de longa duración…cánto tempo desde a primeira foto ata a última, a que consideraches que pechaba o proxecto e era hora de facer o libro?

Veño retratando as festas desde que comencei a traballar hai máis de 40 anos. Para o libro fixen un plan de traballo durante dous anos, e o groso das fotos do libro, máis algunhas que xa tiña feitas.

Á hora de facer un libro de fotos, unha exposición…moitos fotógrafos dicen que o peor é seleccionar as obras. Cómo o levas ti e como foi o proceso nesta ocación?

Eu traballo de sempre con diseñador, o mellor en libros, é Xosé Déaz, aprendeu con Luis Seoane e seu pai Díaz Pardo. Con él edito as fotos para o libro e afinamos a escolma final de fotos a publicar. É importante que o fotografo teña outra mirada en paralelo que axude a seleccionar. Facelas fotos e o esforzo que conleva pode ser un handicap para ver a imaxe mais atinada para cada festa. Precisase dunha mirada allea, mais obxetiva, non mediatizada pola experiencia de tomar a foto.

Asi hai festas que se definen cunha soa foto e outras precisan de mais.

O Arde Lucus no libro Galicia e unha festa de Xurxo Lobato

De Lugo hai fotos do San Froilán e do Arde Lucus. Pola túa experiencia «mirando», fotografiando as nosas festas máis emblemáticas, qué recomendas vivir en cada unha delas?

Eu levo indo bastantes anos o domingo das Mozas ao San Froilán, é unha das miñas festas preferidas. A min gústame o ambiente festivo, participativo nas rúas do casco vello, as bandas de gaitas e a rapazada bailando espontáneamente, e un ambiente popular que me encanta.

O Arde Lucus xa e outra cousa, unha festa máis recente de recreación histórica. E máis de espectáculo, aínda que como se fai en Lugo o ambiente e moi popular.

Lugo e unha cidade festeira eso me resulta moi atractivo para retratar a espontaneidade da cidadanía.

Probablemente o libro sexa todavía máis importante «grazas» á pandemia porque ao mellor as festas cambian para sempre e estamos ante o libro que recolle «cómo eran antes as festas». Cómo o ves? Retomará a Galicia post-covid a súa intensidade festeira e a forma que temos de vivir as festas ou isto cambiounos para sempre.

Este libro distribuiuse xusto antes do confinamento, e a pandemia frenou o seu lanzamento. Pero non hai mal que por ben non veña.

En tempos que non se pode ir as festas levemos as festas a casa.

As festas en Galicia non van morrer, agora pola pandemia se anulan e pospoñen, mais penso que as tradicionais seguiran cando se poda.

Este libro si que e un documento, unha radiografia dunha maneira de facer as festas…que si cadra varía despois da pandemia…pode que sin querelo fixera un libro testimuña dun xeito de entender as festas.

Domingo das Mozas. San Froilán no libro Galicia e unha festa de Xurxo Lobato
O San Froilán no libro Galicia e unha festa de Xurxo Lobato