A área de Cultura – Vicepresidencia da Deputación organiza Muralla de Letras con actividades arredor dos libros e da lectura do 11 ao 13 de decembro no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo.
Suso de Toro, Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Pilar García Negro ou Luis López Alonso presentarán as súas últimas publicacións, conversarán co público e asinarán exemplares das obras ao longo da fin de semana.
Magín Blanco, Paco Nogueiras e Paco Cerdeira “Pakolas” darán cadanseu concerto para público infantil, recollendo repertorios dos seus últimos libro-discos, mentras que Anxo Moure, Raquel Queizás, Brais das Hortas ou o colectivo Polo Correo do Vento convidarán ás mais pequenas a ler a través de historias contadas.
Ademais, Muralla de Letras dará eco ao proxecto editorial lucense Ámboa, que aposta por publicacións que conectan a literatura galega e portuguesa.
A vicepresidenta Maite Ferreiro subliñou “a calidade do programa, que reúne algunhas das autoras e autores máis coñecidas do panorama editorial galego en actividades con formatos e rexistros moi variados, para todos os públicos” e que fai, co título, unha chiscadela aos vinte anos da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.
Apoio ao sector do libro
Maite Ferreiro explicou que, ademais dun convite á desfrutar da lectura, “Muralla de Letras é tamén un chamamento a mercar libros nas nosas librarías habituais. Cremos que estas datas previas ao Nadal son un bo momento para reforzar e amplificar esa mensaxe e apoiar o sector do libro e o comercio de proximidade”.
“O confinamento e as limitacións de mobilidade obrigadas pola pandemia leváronnos a valorar máis a literatura, a música, o cine e a produción cultural, en xeral, porque estamos a recorrer a ela na busca de entretemento, coñecemento, respostas, conforto,… Para que eses sectores se manteñan, é necesario contribuír a súa viabilidade”, argumentou.
Inscricións en cultura@deputacionlugo.gal
Dada a situación sanitaria e as restricións de capacidade dos espazos culturais, para participar nas actividades cómpre inscribirse no correo cultura@deputacionlugo.gal, indicando a actividade á que se quere asistir e os nomes e contactos das persoas que acudirán. Se non se completa o aforo, aos dez minutos do inicio da actividade, permitirase a entrada sen reserva previa.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte