Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Suso de Toro ou Magín Blanco participan na programación, que se desenvolverá do 11 ao 13 de decembro no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo
As persoas interesadas en asistir ás actividades deberán anotarse en cultura@deputacionlugo.gal
Unha "Muralla de Letras" en Lugo - Programa

A área de Cultura – Vicepresidencia da Deputación organiza Muralla de Letras con actividades arredor dos libros e da lectura do 11 ao 13 de decembro no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo.

Suso de Toro, Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Pilar García Negro ou Luis López Alonso presentarán as súas últimas publicacións, conversarán co público e asinarán exemplares das obras ao longo da fin de semana.

Magín Blanco, Paco Nogueiras e Paco Cerdeira “Pakolas” darán cadanseu concerto para público infantil, recollendo repertorios dos seus últimos libro-discos, mentras que Anxo Moure, Raquel Queizás, Brais das Hortas ou o colectivo Polo Correo do Vento convidarán ás mais pequenas a ler a través de historias contadas.

Ademais, Muralla de Letras dará eco ao proxecto editorial lucense Ámboa, que aposta por publicacións que conectan a literatura galega e portuguesa.

A vicepresidenta Maite Ferreiro subliñou “a calidade do programa, que reúne algunhas das autoras e autores máis coñecidas do panorama editorial galego en actividades con formatos e rexistros moi variados, para todos os públicos” e que fai, co título, unha chiscadela aos vinte anos da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Apoio ao sector do libro

Maite Ferreiro explicou que, ademais dun convite á desfrutar da lectura, “Muralla de Letras é tamén un chamamento a mercar libros nas nosas librarías habituais. Cremos que estas datas previas ao Nadal son un bo momento para reforzar e amplificar esa mensaxe e apoiar o sector do libro e o comercio de proximidade”.

“O confinamento e as limitacións de mobilidade obrigadas pola pandemia leváronnos a valorar máis a literatura, a música, o cine e a produción cultural, en xeral, porque estamos a recorrer a ela na busca de entretemento, coñecemento, respostas, conforto,… Para que eses sectores se manteñan, é necesario contribuír a súa viabilidade”, argumentou.

Inscricións en cultura@deputacionlugo.gal

Dada a situación sanitaria e as restricións de capacidade dos espazos culturais, para participar nas actividades cómpre inscribirse no correo cultura@deputacionlugo.gal, indicando a actividade á que se quere asistir e os nomes e contactos das persoas que acudirán. Se non se completa o aforo, aos dez minutos do inicio da actividade, permitirase a entrada sen reserva previa.