Festival das escolas de danza de Lugo 2024
As distintas escolas realizarán mostras na rúa entre o 24 de abril e o 4 de maio, e o auditorio municipal acollerá un espectáculo de fusión de distintos estilos o vindeiro 6 de maio

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a segunda edición do festival de danza organizado polas escolas de Lugo «Primavera é danza», que conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo a través da área de Cultura.

«Renovamos o noso apoio coas escolas de Lugo para continuar a difundir a danza e as súas distintas formas, aproveitando as rúas como un gran escenario para as distintas agrupacións», explicou Maite Ferreiro, que estivo acompañada por integrantes das distintas escolas de danza lucenses na presentación.

O festival celebrarase entre o 24 de abril e o 4 de maio, coas distintas escolas realizando exhibicións no fondo da praza Maior, e rematará o 6 de maio cun un espectáculo de fusión de distintos estilos que terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire a partir das 20:00.

Ferreiro afirmou que con esta iniciativa a Tenencia de Alcaldía continúa a apoiar á danza «aumentando a nosa aposta, despois de contar cunha programación estable de danza ao longo de todo o ano».

Datas danza na rúa

– ⁠Oxeito, 24 de abril 18:30.
– ⁠Star Dance, 26 de abril 17:00.
– Escola Palimoco de teatro e danza, 27 de abril 13:00.
– Gravitty, 27 abril 16:30.
– ⁠Magie Dance, 28 abril 12.00.
– ⁠Victoria, 3 maio 18:00.
– Mercedes, 4 de maio 19:00.