Aberta a inscrición no Tradigalu 2024.
A Vicepresidencia da Deputación lanza unha nova edición deste programa que achegará a música tradicional e popular a toda a provincia de Lugo.
O Tradigalu, que conta cun orzamento de 250.000 euros, ten como principal obxectivo promover e difundir a música popular e tradicional, incluíndoa nas programacións de asociacións e concellos.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “ademais de supoñer unha vía de colaboración cos colectivos culturais e o asociacionismo, o programa xenera unha actividade importante para as agrupacións de música tradicional, que teñen un papel fundamental na conservación do noso patrimonio musical”
Iria Castro lembrou que “o ano pasado, Tradigalu permitiu programar máis de 250 actuacións, chegando a medio cento de concellos e converténdose nunha das principais vías de apoio á celebración de festas e celebracións populares nas aldeas e parroquias das distintas comarcas, desde festas patronais ata foliadas, polavilas ou magostos”.
As asociacións e colectivos interesados en participar no programa poden consultar as bases na web cultura.deputacionlugo.gal e trasladar as súas
demandas a área de Cultura a través do enderezo electrónico cultura@deputacionlugo.gal.
A área de Cultura asume o 80 por cento do custo da actuación. Asociacións e concellos deben aboar aos grupos o 20 por cento restante.
Na confección do calendario de actuacións, a área de Cultura buscará chegar a todas as comarcas, evitando a concentración en puntos concretos e prestando especial atención á conservación e fomento das tradicións.