O Riot GZ Fest celebrará a súa segunda edición o próximo 13 de febreiro. O festival, que naceu neste 2026 como a maior festa punk de Galiza, regresará en 2027 cun lixeiro cambio de formato. O evento musical lucense terá lugar na Sala Tebras e este luns anunciou o seu cartaz completo, formado por bandas do calibre de Kaos Urbano, GBH, Sham 69, Aphonnic e Deaf Devils.
«O ano pasado creamos algo moi especial. Non queriamos que morrera, e déronse as circunstancias idóneas para poder seguir con este proxecto na Sala Tebras. Queriamos facer algo un pouco diferente; algo máis íntimo pero que non perdera calidade. Teremos bandas de primeiro nivel, tanto internacionais, como estatais e galegas», explicou o responsable do festival, Manu Fernández.
Para Fernández, mover o festival para unha sala como a Tebras dálle un «encanto especial» a esta segunda edición do Riot GZ Fest: «Van a ser concertos de sala, concertos completos. A esencia do festival é a mesma, pero con este matiz. A xente vaino pasar como nunca«, engadiu.
A organización anunciou o cartaz para o II Riot GZ Fest.
O escenario da Sala Tebras contará con bandas como Kaos Urbano, a veterana banda de Alcobendas que mantén viva a chama do Oi!; GBH, unha das pioneiras do hardcore punk británico con case medio século de percorrido nas costas; Sham 69, os tamén británicos que poderán resarcirse na capital lucense despois de caer a última hora do cartaz do Riot GZ Fest deste 2026; Aphonnic, a potentísima banda viguesa a cabalo entre o nu metal e o metalcore que recibiu diversos premios nos últimos anos; e Deaf Devils, a emerxente banda de death punk chegada desde Valencia.
Un ano máis, o DJ Jordi Pánico será o encargado de que a enerxía non decaiga entre concerto e concerto.
As entradas para o festival poderanse mercar na páxina web www.riotgzfest.com a partir do mércores 9 de setembro.






