A peza da compañía lucense Tarabela Creativa, coproducida polo Concello de Burela, representarase no Auditorio Municipal Gustavo Freire o 22 de outubro ás 20:30 horas.
O texto de Carmen Conde inspírase nos atestados policiais do seu propio pai, que foi especialista en dactiloscopia na Policía Xudicial.

A comedia “O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger”, a nova montaxe teatral da compañía lucense Tarabela Creativa coproducida polo Concello de Burela, chega este xoves, 22 de outubro ás 20:30 h, ao auditorio municipal Gustavo Freire.

A obra conta en escena cos actores Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante, así como coa propia Carmen Conde, autora do texto que dirixe Avelino González.

Trátase dunha comedia de ritmo trepidante inspirada en feitos reais. O pai de Carmen Conde foi durante décadas especialista en dactiloscopia da Policía Xudicial, un home que resolveu crimes descifrando a palma da man: unha especie de quiromante guiado pola ciencia. Como resultado, fixo centos de atestados que deixaron constancia da cartografía delituosa dunha Galicia delirante.

A partir desta premisa, destápase un enredo con toda a ralea posible de delincuentes —os que aparentan selo e os que non—, que se axudan e se obstaculizan mutuamente para cobrar unha herdanza millonaria de condicións moi peculiares. Unha trama que demostra que, como ben sinala o pai da autora, calquera persoa pode converterse en delincuente chegado o momento.

A montaxe vén de ser estreada con éxito o pasado 9 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Burela e iniciou en Sarria unha xira que a levará por máis de vinte teatros e auditorios galegos ata o primeiro semestre de 2027.

As entradas para a función de Lugo xa se poden adquirir a través da plataforma oficial Entradas Lugo ou presencialmente na Oficina de Turismo.