Chamamos retrato á imaxe dunha persoa reproducida en pintura, escultura, debuxo ou fotografía, que describe a aparencia e o carácter do individuo representado. 

Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación do individuo, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus signos de identidade. 

Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, dende as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. Os selfies da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción da identidades persoais e colectivas.

Esta mostra invita explorar as diferentes interpretacións que os artistas fixeron (e fan) deste xénero, a afondar nos recordos das xentes que evocan, nas sensacións que transmiten e nas novas fórmulas que se foron introducindo desde finais do século XIX ata os nosos días, ao compás dos movementos artísticos que se van sucedendo. 

Unha selección de obras galegas pertencentes ás Coleccións de Arte ABANCA e Afundación de artistas como Sotomayor, Ramón Caamaño, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Segura Torrella, Maruja Mallo, Laxeiro ou Luís Seoane, entre outros.

A mostra permanecerá ata o próximo 30 de setembro.

O Concello de Lugo, ABANCA e Afundación presentaron a mostra de rúa «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación». O acto de inauguración tivo lugar hoxe na Praza Maior e contou coa asistencia de Javier Vázquez Prado, concelleiro de Cultura e Educación; Agustín Gallego Vigo, concelleiro de Turismo e Museos; Zaira Dapena directora territorial de ABANCA en Lugo; e María Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación..