A banda liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández, Best Boy, ofrece este xoves 02/07, a partir das 20.00 horas, un concerto desde a terraza da Casa do Saber de Lugo, desde onde interpretará ante o público lugués os temas do seu último traballo ‘Cross the border’.
Chegada en 2016 desde Tui, O Porriño e Vigo, e xa consolidada como unha revelación da escena musical galega, a formación Best Boy amosa neste traballo influencias diversas que van desde o blue grass, o funk máis clásico, desde o soul da motown ata o rock sureño, o pop u jazz, entre outras.
A actuación e música ao vivo a cargo desta formación musical galega encádrase no ciclo ‘Na Bocanoite’, unha proposta a través da que os promotores do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, tratan de adaptar a súa oferta cultural e artística á nova realidade social e sanitaria xerada trala pandemia provocada pola COVID-19.
O concerto de Best Boy é de entrada libre e de balde, do mesmo xeito que todas as actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Unha das principais novidades desta actuación reside no seu escenario, que estará na terraza da Casa do Saber, mentres que o público poderá gozar deste espectáculo musical desde as cadeiras instaladas no adro da entrada principal da catedral de Lugo.
As persoas interesadas en asistir a este segundo espectáculo do ciclo ‘Na Bocanoite’ aínda poderán recoller este xoves, de 10.00 a 13.00 horas, as entradas que queden dispoñibles na oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. O aforo deste espectáculo está limitado a preto de 90 persoas. No caso de choiva, a actuación trasladarase ao auditorio da Casa do Saber e estableceranse dúas quendas de acceso para o público.