A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a Escola Municipal de Música, que iniciará o curso o vindeiro luns. Este ano, debido á implantación dos protocolos derivados da crise sanitaria, só se ofertou praza ao alumnado xa matriculado en cursos pasados. “Estamos a vivir unha situación excepcional e esta foi a mellor solución posíbel para garantir que todas as persoas xa matriculadas na escola mantiveran a súa praza”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “os horarios das clases adaptaranse tamén aos horarios dos centros de ensino, para garantir que todas as estudantes da escola teñan un horario que se adapte ás súas necesidades”.
A Escola ofertará neste curso clases de Clarinete, Saxofón, Gaita, Fagote, Trompa, Trompeta, Trombón, Bombardino e Tuba, Percusión e Piano, que terán unha duración de 30 minutos e serán individuais. No bloque B ofertarase tamén de xeito presencial Música e Movemento, para nados no ano 2015, Formación Básica, grupo 1 para nados en 2014 e grupo 2 para nados en 2013, e o curso 1 de Linguaxe Musical, para nados no 2012, e de xeito telemático os cursos 2 a 6 de Linguaxe Musical e todos os cursos para adultos. As agrupacións musicais da escola non se formarán ao comezo do curso, á espera de mudanzas na situación sanitaria.
Protocolo COVID
Maite Ferreiro explicou que “o persoal da Escola deseñou un protocolo específico para as instalacións, que será de obrigado cumprimento durante a presenza de estudantado e profesorado no recinto”. O protocolo, ademais de lembrar as medidas obrigatorias acerca da distancia interpersoal, hixiene de mans e o uso de máscaras, regula o funcionamento específico da Escola. Entre outras medidas, contémplase que os instrumentos compartidos sexan desinfectados despois de cada uso, da mesma maneira que o mobiliario e os accesorios musicais, ademais, creáronse circuítos diferenciados de entrada e saída ás instalacións. “As aulas manterán portas e ventás abertas sempre que sexa posíbel, e, ademais, instalaranse purificadores de aire con filtro HEPA”, explicou Maite Ferreiro.