A pianista checa Natalie Schwamova ofrece este luns 12 de decembro, a partir das 20.30 horas, un concerto na Casa do Saber, no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa de cámara promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural.
A pianista checa trazará no seu repertorio unha viaxe polas composicións musicais dos séculos XVIII, XIX e XX, a través da interpretación de pezas de Mozart, Sergey Rachmaninov, Enrique Granados e Antón G. Abril. A entrada ao concerto é libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo.
Natalie Schwamova
Nada en Praga en 1999, Natalie Schwamova comezou a tocar o piano aos cinco anos na Escola de Música da capital checa, onde logo de completar un mestrado na Universidade de Belas Artes, recibiu clases maxistrais de Stanislav Ioudenitch e Rena Shereshevskaya, entre outros profesores.
Debutou aos 10 anos tocando o concerto para piano núm. 20 Mozart coa Orquestra Sinfónica Cidade de Bos Aires, para logo actuar como solista con grandes orquestras checas, como a Filharmónica de Janácek, a Oquestra de Cámara Checa Pardubice, a Filharmónica de Pilsen, a Sinfónica de Praga ou, entre outras, coa Aarhus Symphony Orchestra (Dinamarca).
Natalie Schwamova converteuse en 2015, cando apenas contaba con 16 anos, nunha das pianistas máis novas da historia en participar no concurso de piano Chopin de Varsovia. A partir de entón, esta pianista mantén unha activa axenda artística que inclúe actuacións en recitais en Europa, Estados Unidos, América do Sur e Asia.
Bolseira da Fundación Albéniz, Schwamova ingresou en 2020, pouco despois de gravar o seu primeiro CD, na Cátedra Fundación PianoBanco Santander da Escola de Música Reina Sofía, onde recibiu primeiro formación co profesor Dmitri Bashkirov e, un ano despois, coa profesora Milana Chernyavska.