A lucense, Laura LaMontagne, e o artista asturiano, Rodrigo Cuevas, ofrecerán un concerto online, organizado polo Concello de Lugo, con motivo do Día de Europa, o vindeiro 9 de maio. Esta iniciativa, según os organizadores, busca por en valor o papel da Unión Europea, especialmente nestes momentos de crise sanitaria internacional, provocada pola pandemia do coronavirus, e a importancia de permanecer unidos na loita contra o COVID-19.
O edil de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, que presentaba a actuación xunto a alcaldesa, Lara Méndez, sinalou que “o Concello quere celebrar esta efeméride, a pesar da particularidade de que se teña que desenvolver nun contexto de crise sanitaria, poñendo en valor o eido rural, a cultura folk e a música lucense, de aí os artistas escollidos para protagonizar o evento”.
Rodrigo Cuevas é un dos referentes nacionais da música folk, un férreo defensor do rural e do mundo tradicional. Ven de presentar o seu novo disco Manual de Cortejo no Cume Mundial do Clima celebrado en decembro en Madrid. A través das súas actuacións busca poñer en valor e potenciar o norte peninsular. Mentres que, pola súa parte, Laura LaMontagne é un dos talentos musicais lucenses, unha artista multidisciplinar con gran proxección. A emisión en streaming de ambas actuacións poderá seguirse a través das redes sociais do centro de información europea Europe Direct-Lugo (Youtube, Facebook, Twitter e Instagram).