Cartel do concerto de Emily Jane White en O Vello Cárcere
O folk oscuro da norteamericana Emily Jane White, este sábado en O Vello Cárcere de Lugo

O sábado 22 de febreiro O Vello Cárcere de Lugo acollerá dentro do ciclo “Liberdades Sonoras” á californiana Emily Jane White, unha artista que explora os límites do folk con máis de dúas décadas de carreira ás súas costas. 

White estará a presentar o seu novo traballo, “Immanent Fire” (Talitres, novembro 2019), un sexto album de estudo no que a cantautora pon sobre a mesa o clima como principal temática, cun planeta ao bordo da destrución nunha aniquilación lenta e irreversible. White desprega melodías que atrapan, con cancións que se enganchan e que lembran ao Nick Cave dos tempos de “Murder Ballads”: temas espectrais con lixeiros toques electrónicos e un aroma sutilmente gótico presente en toda a obra da artista de San Francisco.

O programa “Liberdades Sonoras” propón un ciclo semestral de espectáculos deseñados especificamente para O Vello Cárcere cuxos contidos contrapoñan a función do inmoble nos seus usos pretéritos, achegando hoxe á cidade un valor cultural engadido, unha fonte de desenvolvemento e cohesión social, de exploración e de descubrimento. O concerto, cuxas portas se abrirán ás 20:30, está organizado pola promotora sarriá WORK ON SUNDAY, en colaboración coa lucense CLAP e o Concello de Lugo, e é de entrada libre ata completar capacidade.