Xa están dispoñibles para escoitar os poemas de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco musicados por artistas e grupos de Lugo dentro do proxecto “Mulleres na memoria”, en memoria das mulleres represaliadas e asasinadas polo franquismo.

As pezas presentáronse nun concerto o pasado mes de outubro na Casa do Saber e agora difúndense a través das plataformas dixitais Spotify, YouTube, Itunes e Amazon Music para chegar a todo o público.

TEMAS

“A Juana Capdevielle”

O grupo lucense Hit the Beat puxo música ao poema “A Juana Capdevielle” sobre a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle, pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.

“Un tranvía chamado Urania”

Olalla Caamaño, recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou “Un tranvía chamado Urania”, poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.

“Mulleres libres no monte”

De Iria Estévez e Gonzalo Piña, membros fundadores do grupo lugués Clave de Fado, saíu a música para “Mulleres libres no monte”, un canto a todas as mulleres perseguidas polo franquismo polas súas ideas de cambio e progreso.

“E aínda lle chaman comunista”

O grupo Los Zorros compuxo un tema sobre o poema “E aínda lle chaman comunista”, en memoria de Consuelo Alonso, vendedora de xornais en Monforte de Lemos fusilada en maio do 38.

“As tres mapoulas de Montecubeiro”

A cantautora Paloma Suanzes encargouse de musicar , poema escrito en memoria da traballadora Virxinia Meilán Varela e das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, asasinadas en Montecubeiro, en Castroverde, en agosto do 37.

“Meu amor”

Trátase dun tema con letra baseada na correspondencia entre os pais da poeta Luz Pozo Garza (1922-2020) e con música de Carlos Díaz.

“Mulleres na memoria”

Organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración da área de Cultura da USC.

Abrigueiro Estudios encargouse da produción e gravación.

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, destacou a “selección dos poemas e a calidade sobresaínte da musicación, que dá sentido á proposta realizada aos grupos e que pon en valor o talento que temos na provincia”. 

Nesta liña agradece “o compromiso dos artistas coa memoria histórica desde unha perspectiva de xénero máis necesaria que nunca, visibilizando unha realidade agochada e esquecida por un relato distorsionado da nosa historia”.