Festival de Música Cidade de Lugo 50ª Semana de Música do Corpus.
Do sábado 20 de maio ao 9 de xuño celébrase na cidade de Lugo a 50ª edición do decano dos festivais galegos e un dos máis antigos do estado.
Serán 8 concertos que conforman unha programación heteroxénea que abrangue 5 séculos de música coas premisasbásicas de apostar pola calidade e pola diversidade de enfoques e repertorios.
Cincuenta anos de historia avalan o decano dos festivais galegos de música, tradicionalmente coñecido como Semana de Música do Corpus, que reúne anualmente en Lugo a grandes figuras do panorama musical nacional e internacional e que, hai anos, ampliou a súa dimensión ata abarcar máis de unha semana.
Nesta edición número 50, contará con intérpretes como o contratenor estadounidense Lawrence Zazzo, que xunto co grupo Tercia Realidad dirixido por Jorge Jiménez abordará un programa centrado na música sacra de Vivaldi; a gran soprano italiana Roberta Invernizzi e Ars Atlántica, grupo dirixido polo arpista Manuel Vilas, que levarán a cabo un programa de “recuperación” de arranxos de cámara de arias de ópera italianas ao longo de tres séculos; ou o sublime clavecinista francés Pierre Hantaï, que lembrará ao seu mestre Gustav Leonhardt cun programa que xirará arredor das súas transcricións de obras de J. S. Bach.
O grupo historicista La Bellemont xunto coa soprano francesa Armelle Morvan ofrecerán os seus propios arranxos de corais luteranos do propio J. S. Bach e dalgúns dos seus predecesores máis influentes.
A galega Iria Folgado interpretará o concerto para oboe de Richard Strauss xunto coa Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Vicent Alberola, que tamén abordará a Sinfonía no 9 de Shostakovich e unha estrea do vigués Juan Eiras.
A música para piano de Ligeti e Schubert será a protagonista do concerto de Noelia Rodiles, definida pola crítica como «un dos valores máis sólidos do pianismo español e internacional».
Abrirá o festival o 20 de maio o Ensemble Praeteritum, dirixido por Pablo Suárez Calero, coa Sinfonía número 1 “Titán” de Gustav Mahler no arranxo para 16 músicos asinado en 2008 por Klaus Simon. A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pecharao o 9 de xuño co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular.
Concertos gratuitos:
Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo agás o da pianista Noelia Rodiles, que terá lugar no Conservatorio de Música Xoán Montes. Serán con entrada de balde ata completar a cabida.
O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.
PROGRAMA Festival de Música Cidade de Lugo 50 Semana de Música do Corpus
20 de maio – Círculo das Artes – 20:30 h
Ensemble Praeteritum
Pablo Suárez Calero, dirección
Mahler: Sinfonía no 1 ”Titán” (Redución para ensemble)
23 de maio – Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes – 20:30 h
Noelia Rodiles, piano
Ligeti / Schubert
25 de maio – Círculo das Artes – 20:30 h
Pierre Hantaï, clave
Lembrando a Gustav Leonhardt – J. S. Bach
27 de maio – Círculo das Artes – 20:30 h
Orquestra Sinfónica Vigo 430
Iria Folgado, óboe
Vicent Alberola, dirección
J. Eiras / R. Strauss / D. Shostakóvich
30 de maio – Círculo das Artes – 20:30 h
Lawrence Zazzo, contratenor
Tercia Realidad Orquestra Barroca
Jorge Jiménez, dirección
Quando Corpus Morietur. Agonía e oración na música italiana do S. XVIII
3 de xuño – Círculo das Artes – 20:30 h
La Bellemont
Choralfantasie (J. S. Bach e predecesores)
7 de xuño – Círculo das Artes – 20:30 h
Roberta Invernizzi, soprano
Ars Atlántica
Manuel Vilas, dirección
Monte/Verdi (A arte da redución operística. 300 anos de ópera italiana fóra dos teatros,
de Monteverdi a Verdi).
9 de xuño – Círculo das Artes – 20:30 h
Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)
Dima Slobodeniouk, dirección
Schubert / Mozart. Sinfonías.