II Festival Eidos de Outono – Música. Poesía. Natureza. – 30,31 outubro e 1 novembro 2021 – Praza do Concello, Folgoso do Courel e Fundación Uxío Novoneyra, Parada do Courel

Tivo lugar no Torre de Núñez de Lugo a presentación do Festival Eidos de Outono, extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando dende 2015 no Concello de Folgoso do Courel, Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel.

Coincidindo co tempo dos magostos, os Eidos de Outono preséntanse como a celebración da música e da expresión artística no impoñente marco natural da Serra do Courel. A romaría do século XXI que aposta pola diversidade, a convivencia , a antidisciplinariedade e o exaltación da identidade propia en diálogo permanente coa comunidade global.

As actividades terán lugar en dous escenarios da serra: a Praza do Concello en Folgoso, baixo carpa de concertos, e a Casa-museo Uxío Novoneyra, na aldea de Parada. Aquí, na Casa da Fonte, haberá unha lectura do libro dos Eidos e mais o xa clásico roteiro de avistamento de aves, no que o biólogo Xabier Vázquez Pumariño nos desvelará os segredos dos paxaros no outono.

A cantante Uxía repasará, nun directo en formato cuarteto, o repertorio do álbum UXÍA-O (2017) no que se mesturan música, poesía, pintura e fotografía, unha
particular homenaxe ao poeta do Courel onde resoan a muiñeira, o ragtime, os alalás e o reggae. Uxía canta os versos que son «unha música do cosmos, da fráxil feitura dos seres, da escoita do silencio que fala a quen queira entendelo, da revelación e do himno.» UXÍA-O foi galardoado Mellor Álbum en Galego nos Premios de la Música Independiente MIN e Premios Martín Códax da Música 2018.

Eidos de Outono achega tamén ao Courel un nome recorrente e imprescindible nos festivais de máis sona deste ano, os Califato 3/4, artífices dunha versión propia e singular do folclore andaluz que olla tanto o pasado coma o futuro a través da memoria e a mestizaxe. A xira da banda sevillana está arrasando co seu folclore futurista, a súa frescura e autenticidade, e o seu directo é pura marabilla.

Rodrigo Cuevas, verdadeiro tsunami na música dos últimos anos. Axitación folclórica e electrónica, humor, hedonismo e celebración dos dereitos innegociables. Con fermosas coreografías e unha posta en escea única, Trópico de Covadonga é un espectáculo que nos eclipsa tanto pola súa categoría musical como pola súa necesaria impronta discursiva.

Wöyza & The Galician Messengers parten dun repertorio tradicional galego, no que fusionan o soul, o gospel, o hip hop e a danza urbana co patrimonio musical e inmaterial galego (Códax, C.Enríquiez, Los Tamara, Emilio Cao) Estas cancións foran presentadas en directo en Frankfurt en 2018. En 2021, o proxecto medra con novas adaptacións de textos clave da herdanza histórica e con cancións feitas desde sempre
para o baile.

Dúas artistas emerxentes galegas como BABYKATZE e Sila Lua engaden aos Eidos de Outono a electrónica traida de Buenos Aires, Berlin e Londres. As DJs
Marta Toro de Vigo e Xabi B, do barrio de Monte Alto, completan unha das programacións máis singulares que teremos en Galicia este ano no que #aculturasegue

Venda de entradas en eidosdeoutono.ataquilla.com  

eidosdeoutono.com