O grupo historicista La Bellemont xunto coa soprano francesa Armelle Morvan ofrecerán os seus propios arranxos de corais luteranos de J. S. Bach e dalgúns dos seus predecesores máis influentes.
Sábado, 3 de xuño – Círculo das Artes – 20:30 h – Entrada de balde ata completar a cabida
Programa:
Choralfantasie
Obras de J. S. Bach e predecesores
La Bellemont
Tras 15 anos de traxectoria, La Bellemont situouse en España como un conxunto de referencia na interpretación da música barroca. Un nomeamento aos prestixiosos premios ICMA (International Classical Music Awards) e catro nomeamentos consecutivos como mellor grupo barroco nos premios GEMA de España avalan dita traxectoria.
Os seus membros son colaboradores habituais en conxuntos españois e europeos de música antiga e desenvolven ademais unha intensa actividade pedagóxica. La Bellemont actuou en gran cantidade de festivais de Música Antiga, destacando nas últimas tempadas a súa actuación na capela do Palacio Real de Madrid dentro do FIAS (Festival Internacional de Arte Sacra) e no Palacio de Troia de Praga (Summer Festivities in Early Music, República Checa).
La Bellemont naceu en 2007 coa vontade dos seus fundadores (Sara Ruiz, Rafael Muñoz e Laura Puerto) de lograr unha interpretación moi persoal do repertorio para viola da gamba e baixo continuo. Dous anos de intenso traballo sobre o son, a xestualidade e a articulación do conxunto concluíron nun primeiro álbum titulado La voix de la viole, dedicado a Marin Marais; a crítica eloxiou esta gravación (5 Diapasóns na revista Diapasón) e destacou a elegancia, o perfeccionismo, a forza expresiva e o pracer polo son per se da execución, calidades que se converteron no selo de identidade do grupo.
O seu segundo álbum, Plaisir Sacré, dedicado á música relixiosa de François Couperin, superou as expectativas e foi nomeado aos premios ICMA. Así mesmo, Plaisir sacré foi galardoado co R (Recomendado) da revista Ritmo, co Melómano de Ouro da revista Melómano e co E (Excepcional) da revista Scherzo.
La Bellemont reafirmou a súa admiración pola música de Couperin gravando as súas suites para viola da gamba e baixo continuo, no que será o terceiro rexistro discográfico do grupo. Tras un longo período centrado no repertorio barroco francés, La Bellemont ampliou o seu repertorio ao barroco alemán e, manténdose fiel á súa filosofía de proxectos a longo prazo, realizou varios programas centrados neste período, con especial atención á figura de J.S. Bach e os seus predecesores; é por isto que, tras o éxito colleitado co programa Choralfantasie, o grupo prepara un CD no que se ofrecerán varias transcricións para conxunto instrumental das obras para órgano de Bach.
Actualmente, La Bellemont está así mesmo ampliando o seu repertorio con programas dedicados á música do seicento italiano e á música renacentista española, diversificando o seu persoal para iso cunha ampla variedade de conxuntos.
O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.
Información detallada de cada concerto na web https://filarmonicadelugo.com/