Lugo Cultural – Concerto de Bala
O concerto das galegas Bala ten lugar o mércores 3 de abril ás 20.30 horas na Praza de Santa María ou, en caso de choiva, no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Será o terceiro do ciclo Lubicán, promovido desde a área de Cultura da USC no Campus de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con financiamento USC, e as áreas de Cultura do Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
BALA
As galegas Bala comezan a súa viaxe a mediados de 2014.
O dúo combina sons que recordan o rock intenso dos 90, con influencias que van desde o grunge ao stoner, pasando polo hardcore ou o punk e coa contundencia de dúas voces moi distintas.
Tras máis de 50 concertos e festivais en 2015 sacan o seu primeiro disco, ‘Human Flesh’ (Matapadre), que recibe unha espectacular acollida por parte da prensa, esgota todas as súas existencias en menos de 5 meses e colga o cartel de todo vendido en moitos dos seus concertos de presentación. Os ecos do éxito en España levan a banda a xirar polo Reino Unido e a tocar nos festivais de referencia da península.
O seu seguinte traballo, ‘Lume’ (2017), grávase nos Estudios Ultramarinos Costa Brava da man de Santi García; é moito máis intenso que o seu predecesor e experimentan por primeira vez co galego e co castelán. Con este segundo álbum xiran por Xapón e Australia.
Durante 2018 dan o salto ao continente americano, embárcanse nunha xira pola costa oeste dos Estados Unidos, que ten o seu punto álxido no mítico festival Stoned & Dusted, e participan no festival ao aire libre máis grande de América Latina, o Rock al Parque en Bogotá.
O ano 2019 comezárono gravando unha versión de ‘Bodies’ de The Smashing Pumpkins e en maio de 2021 saíu á luz ‘Maleza’, co que conseguiron a atención de toda a prensa e promotores internacionais, o que supuxo a confirmación de que estamos ante unha das bandas de rock máis importantes do momento dentro e fóra de España.
Recentemente anunciaron fichaxe con PIAS, con quen editarán o seu novo traballo en 2024.