Contra todo prognóstico e dadas as circunstancias sociais e de pandemia que estamos a vivir, Castiñeiro Milenario vai celebrar unha nova edición do seu Festival 27373 de música en Galego. Un festival en formato reducido e cunhas medidas de seguridade acorde aos tempos que nos toca vivir. terá lugar o sábado 14 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilización da muller nos escenarios. Nesta ocasión o 50% dos músicos son mulleres.

A diferencia doutros anos, o Festival vai ter unha única programación de día que contará con tres eventos. Unha sesión vermú, que contará coa presenza da Foliada de Bosende, que fará un pequeno pasarrúas, gardando as distancia e medidas de seguridade. Pola tarde, a partir das catro e media, comezará o moi esperado IX Aberto de Billarda, un aberto con aforo limitado, protocolo COVID-19 e con inscrición previa que se pode facer na seguinte dirección bit.ly/billarda27373. Para rematar, dous concertos, Troupelear e Acordeireta, dous xeitos diferentes de abordar a música tradicional galega. Ámbolos dous
concertos teñen aforo limitado e cómpre rexistrarse na seguinte páxina para poder acceder e ver o protocolo COVID que se vai empregar, bit.ly/entradas27373.