• O ciclo «Liberdades Sonoras» trae propostas musicais innovadoras a Lugo.
  • Os músicos suízos Tout Bleu, a artista libanesa Nadine Khouri e a violinista canadense Jessica Moss, conforman a quinta edición do ciclo.
  • As tres citas serán en O Vello Cárcere. Abrirán as súas portas ás 20:00,e serán de acceso libre ata completar capacidade.
 
TOUT BLEU
O ciclo Liberdades Sonoras abrirase o vindeiro 28 de abril co concerto de Tout Bleu, banda liderada pola artista suíza Simone Aubert.
 
A banda no-wave suíza traslada aos seus ouvintes nunha viaxe atmosférica na que buscan as tensións e os vínculos entre a música electrónica e a música acústica.
NADINE KHOURI
Continuará o sábado 6 de maio co concerto da artista libanesa, afincada en Londres, Nadine Khouri. Esta particular artista defínese como filla do desarraigo, e conta que as súas cancións nacen motivadas polo doloroso sentimento de saberse forasteira á perpetuidade.
 
A súa música, porende, soa melancólica, honesta e confesional, pero tamén serena e madura. Vén de lanzar en 2022 o seu segundo álbum, Another Life, o cal conta de novo, como no anterior, coa produción do prestixioso John Parish.
JESSICA MOSS
O ciclo pechará o venres 9 de xuño co concerto da aclamada violinista e compositora canadense Jessica Moss, que acaba de publicar recentemente o seu cuarto álbum, Everything Returns, na prestixiosa discográfica Constellation e recibiu excelentes críticas.
 
Nas súas composicións, que sepuideron desfrutar en diferentes ámbitos e proxectos, Jessica Moss destaca por utilizar por igual violíns e voces para crear intricados traballos de música expresiva, chea de electrónica, drone e experimentación, con resultados inventivos, intensos e melancólicos.
LIBERDADES SONORAS
Liberdades Sonoras pretende atraer a Lugo propostas arriscadas e innovadoras,difíciles de ver nas programacións habituais das salas de concertos, ademais de dar protagonismo e novas lecturas ao lugar que as acolle.