O grupo Os Minhotos presenta este venres na Casa do Saber os temas do seu novo traballo no marco do ciclo Lubicán Íntimo
O concerto, de entrada libre e de balde, comeza ás 21.00 horas e contará coa intervención previa do monologuista Lois Pérez
Maio 2018
O grupo Os Minhotos, integrado por cinco músicos galegos que aprecian a música do seu país sen ningún tipo de aditivo formal, presentará este venres 25/05, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, os temas do que será o seu novo traballo discográfico no marco do ciclo Lubicán Íntimo, un programa a prol dos novos artistas galegos promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
Os Minhotos interpretarán ante o público lugués novos temas, pero tamén parte do repertorio do seu anterior traballo discográfico. Na próxima achega discográfica deste grupo de música tradicional galega, Os Minhotos inclúen temas vocais da man de Carme López, a nova integrante desta formación que, ademais de tocar a gaita e a requinta, tamén é interprete vocal e percusionista. Antes do comezo da actuación, o escritor, músico e monologuista Lois Pérez fará de mestre de cerimonias cunha breve intervención que dará paso á música.
Os Minhotos é o son acadado e consolidado por un entender a nosa música tradicional, un xeito propio e definido que conxuga festas, pasacorredoiras, ensaios, estudos e reflexión sobre a música tradicional galega. Os cinco compoñentes desta formación (Alberte Castro, gaita, pandeiro, pandeireta e bombo; Carme López, gaitas (Re, Do), voz, requinta e percusións; Paula Fernández, acordeón; Vítor Otero, zanfona, gaita, clarinete e percusións; e Xaneco Tubío, tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas, ferriño e bombo) levan xa moitos anos dedicados ao mundo da música tradicional galega, tanto no eido do ensino como no da construción de instrumentos musicais.
A nova achega de Os Minhotos permitirá ao público comprobar o xeito no que esta formación musical luguesa mestura a estética e gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, combinando o son das gaitas e a percusión tradicionais co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete. Daquela, o novo repertorio deste grupo caracterízase por ser variado, ademais de por alternar a música de autor coa tradicional.