Obradoiro de iniciación aos toques de tixola.
Felisa Segade será a encargada de impartir este obradoiro que terá lugar no Centrad (Rúa Chantada S/N) en horario de 10.00 a 14.00 horas.
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, impartirá un novo obradoiro intensivo de percusión tradicional de man, o vindeiro sábado 13 de abril de 10.00 a 14.00 horas no Centrad (Lugo), concretamente versará sobre a iniciación aos toques de tixola, cazola ou sartén, que son todos os nomes que recibía o instrumento obxecto deste curso que se toca percutindo ou rasgando cunha chave.
As áreas de Cultura de Concello e Deputación colaboran coa Tradescola neste obradorio.
Maite Ferreiro afirmou que «con esta iniciativa desde a área de Cultura seguimos a traballar na difusión da música e da cultura tradicional galega, achegando ás veciñas e veciños de Lugo o coñecemento dunha das persoas máis importantes na investigación dos nosos sons».
Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo, e en referencias atopadas e documentadas por compañeiras e compañeiros cos que se ten relacionado ao longo de anos de traballo compartido.
Este vai ser un obradoiro de achegamento á cazola dirixido a principiantes onde se van familiarizar con diferentes técnicas e xeitos para tocar o instrumento, como son:
– O agarre e posición da chave
– A posición e a orientación da cazola:
- mango cara arriba ou mango cara abaixo
- cruzada ou paralela
– En apoio sobre dedos-man ou en agarre coa man
– Os toques:
- percutidos / rascados
- no cú da cazola
- no mango da cazola
- no borde da cazola
INSCRICIÓNS
Felisa Segade
De formación autodidacta, Felisa Segade leva dende o ano 86 dedicada ao traballo de campo na recollida da nosa música e tradición cultural, co que alimenta tanto os seus traballos musicais como docentes.
Desde 1989 é integrante do grupo de baile e música tradicional Brincadeira (Compostela) cofundadora de Leilía (1989) e Tres Pesos(2014), grupos nos que dedica o seu tempo á recopilación, análise, proposta musical e interpretación da música galega de tradición oral nas súas diferentes formas, manifestacións e expresións.
Felisa, como moitas outras mestras e mestres en toda Galicia, imparten aulas arredor da percusión e da tradición oral galega e colaboran en investigacións, traballos de campo e recolleita, tamén propostas musicais, de diferente alcance e dimensión.
Como representante dalgunhas das máis representativas agrupoacións de música tradicional,recibiu numerosos galardóns,entre os que destacan o Premio Agapi 1999 á mellor banda sonora pola curtametraxe A rosa de pedra, o Premio Galicia en feminino 2001 (outorgado pola xunta de Galicia),ou o Premio da Academia das Artes e das Ciencias da Música 2004 á mellor canción en galego por pedras contra tanques.