“Os grupos de Lugo serán os protagonistas do San Froilán 2020”, afirmou Maite Ferreiro
A edil de cultura mantivo unha xuntanza telemática con axentes vencellados ao San Froilán
A área de Cultura trasladará as propostas á comisión de festas para conseguir o consenso da corporación municipal

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participou nunha xuntanza telemática con axentes vencellados ao San Froilán para conversar sobre os cambios que as festas sufrirán a causa da crise sanitaria da COVID-19.

Maite Ferreiro anunciou nesta xuntanza que “os grupos lucenses serán os grandes protagonistas desta edición atípica das festas, na que se primará a seguridade da veciñanza ás aglomeracións de persoas”.

A edil de Cultura informou que “nesta edición das festas aumentaranse as actividades escénicas en distintos puntos de Lugo no canto de promover grandes concertos”. Maite Ferreiro explicou que “desta maneira, desde a área de Cultura trataremos de garantir ao máximo posible que as persoas poidan manter a distancia de seguridade e cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias”.

A xuntanza telemática contou coa participación de Lois Pérez, da AELG, Tareixa Campo, intérprete de Filomena e integrante de Achádego Teatro, Bruno Villamor, integrante do grupo Cantigas e Frores, Angel, integrante do grupo Infrarroja, Cheché Real presdiente da APEHL e Alberte Cabarcos comunicador e traballador do sector audiovisual.

Maite Ferreiro declarou que “a día de hoxe non sabemos cal vai ser a situación sanitaria en outubro, mais estamos traballando en facer as mellores festas posibles dentro da situación de emerxencia sanitaria na que nos atopamos”. A edil de Cultura informou que “as propostas nas que estamos traballando para esta edición da gran festa do outono galego trasladaranse á comisión de festas para buscar o consenso da corporación municipal”.