Na presentación estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares Bermúdez; o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández Piñeiro; e a xefa do Servizo de Coordinación Cultural, Águeda Valín. Foto: Gab. Com. Xunta
En novembro chega un dos eventos máis agardados para os amantes do patrimonio: a celebración das II Xornadas Pedagóxicas de Arqueoloxía Lucense, que terán lugar os días 12, 18 e 25 de novembro no auditorio do centro cultural “O Vello Cárcere” de Lugo.
 

Organizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da súa Delegación en Lugo, estas xornadas gratuítas teñen como principal obxectivo achegar á cidadanía os últimos avances nas investigacións e intervencións arqueolóxicas promovidas pola Xunta de Galicia na provincia. 

Con entrada gratuita e un formato dinámico, cada unha das tres sesións celebrarase en horario de tarde (de 18:00 h. a 21:00 h.) e rematará cun petisco de balde para os asistentes no restaurante do propio centro cultural.

PROGRAMA

A continuación, debullamos a programación completa que estruturará este viaxe no tempo a través de tres períodos cronolóxicos crave da nosa historia:

Xoves, 12 de novembro: A Idade do Ferro e a maxestuosidade dos castros

A primeira xornada centrarase na Idade do Ferro (séculos VIII a.C. ata o cambio de era), unha etapa marcada polos poboados fortificados en altura que definen o noso panorama paisaxístico e arqueolóxico. Os protagonistas serán dous dos castros máis senlleiros da provincia:

  • Castro de Castromaior (Portomarín): Este monumental poboado de máis de 4 hectáreas destaca polos seus seis recintos amurallados e fosos. Situado a carón do Camiño Francés, recibe un alto volume de visitas. Os arqueólogos Luis López González e Yolanda Álvarez González (Terra Arqueos) analizarán os traballos de conservación e as novas campañas de escavación promovidas desde o ano 2020 neste espazo, que está en proceso de ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
  • Castro de Viladonga (Castro de Rei): Un dos xacementos máis emblemáticos e visitados de Galicia, recoñecido como BIC desde 2009 e dotado dun museo de sitio dende 1986. A conferencia correrá a cargo de Diego Torres, director do museo, e Álvaro Rozas, arqueólogo director das últimas campañas.

18:00 h Inauguración oficial das xornadas

18:15 – 19:15 h «CAMPAÑAS DE ESCAVACIÓN E POSTA EN VALOR NO CASTRO DE CASTROMAIOR (PORTOMARÍN)»
Yolanda Álvarez González. Luis Francisco López González. (Arqueólogos directores da Terra Arqueos)

19:15 – 20:15 h «CASTRO DE VILADONGA (CASTRO DE REI): NOVAS LIÑAS DE TRABALLO»
Álvaro Pérez Rozas (Arqueólogo profesional)
Diego Torres Iglesias (Director do Museo do Castro de Viladonga)

20:15 – 21:00 h Pequeno petisco

Mércores, 18 de novembro: O eremitismo medieval na Ribeira Sacra
A segunda sesión trasládase á Alta Idade Media para explorar os espazos sacro-funerarios das beiras do Miño e do Sil, no concello de Pantón, un territorio que aspira a ser Patrimonio Mundial pola UNESCO. Analizaranse os eremitorios e as primeiras comunidades cristiás que supuxeron a orixe de grandes centros monásticos:
  • Xacemento medieval do Preguntoiro: Situado na parroquia de San Vicenzo de Pombeiro, comprende dous sitios arqueolóxicos ao pé dun camiño tradicional. No Preguntoiro 1 documentáronse cinco tumbas antropomorfas escavadas na rocha e as cimentacións da antiga ermida de San Xoán Degolado. No Preguntoiro 2, descuberto en 2020, destaca unha gran rocha con cruces e inscricións altomedievais. O arqueólogo director Xurxo Ayán achegará as conclusións das últimas campañas.
  • A cova do Cotillón: Un enigmático espazo abovedado cunha planta en forma de cruz no interior dunha vivenda en San Romao de Acedre que ata hai pouco funcionaba como adega. Sonia García, coordinadora dos estudos de conservación, falará sobre as análises realizadas e o deficiente estado de conservación da rocha debido á meteorización, confirmando a súa funcionalidade como eremitorio rupestre altomedieval.

18:00 h Presentación

18:15 – 19:15 h «O PREGUNTOIRO (POMBEIRO, PANTÓN): UN LUGAR DE MEMORIA CON MOITAS PREGUNTAS»
Xurxo Ayán Vila (Director do proxecto arqueolóxico do Preguntoiro)

19:15 – 20:15 h «A COVA DO COTILLÓN (PANTÓN): AS PEGADAS DO PASADO E OS RETOS DA SÚA CONSERVACIÓN»
Sonia García Rodríguez (Arqueóloga, técnica na Unidade de Valorización do INCIPIT-CSIC)

20:15 – 21:00 h Pequeno petisco

Mércores, 25 de novembro: O legado romano e a Muralla de Lugo

A última das sesións estará reservada para o gran símbolo de Lucus Augusti e da cidade actual: a Muralla romana de Lugo, coincidindo coas datas previas á celebración do vixésimo sexto aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial pola UNESCO.

Nesta ocasión, dous dos técnicos que mellor coñecen o monumento, o arqueólogo Celso Rodríguez Cao e o arquitecto Ignacio López de Rego, exporán polo miúdo as últimas intervencións arqueolóxicas realizadas na Muralla, así como os avances no desenvolvemento do seu plan de conservación e xestión integral.
 

18:00 h Presentación

18:15 – 19:15 h «INVESTIGACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NA MURALLA ROMANA DE LUGO, 2020 – 2026»
Celso Rodríguez Cao (Arqueólogo profesional)

19:15 – 20:15 h «AVANCES NO DESENVOLVEMENTO DO PLAN DE CONSERVACIÓN E XESTIÓN DA MURALLA ROMANA DE LUGO» José Ignacio López de Rego Uriarte (Arquitecto redactor do plan de conservación e xestión da Muralla Romana de Lugo)

20:15 – 21:00 h Pequeno petisco

ENTRADA
A entrada ás xornadas é totalmente libre e de balde ata completar o aforo do auditorio, converténdose nunha oportunidade única para que a cidadanía coñeza de primeira man o traballo técnico que rescata e protexe a nosa memoria histórica.