A curta Cacahuete e mermelada de Miguel Borja e Julia Saez acadou o premio do xurado na décima edición do certame audiovisual Findecurta.
O ditame destacou “a idea orixinal, coherente, o gag final, a realización, o nivel de planos e, sobre todo, a narrativa da curta’.
Ademais, o traballo titulado Quérot-e, a cargo do grupo Desviadas, fíxose co premio do público.
A entrega de galardóns na que participou o adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez, desenvolveuse o 26 de abril nun acto que tivo lugar na Casa do Saber.
Os dous recoñecementos supoñen a participación na Semana de Cine de Lugo para optar ao Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
O xurado estivo composto pola actriz Alba Loureiro e polo director e guionista Javier Ferreiro.
Con todo, o punto de arranque do Findecurta remóntase ao pasado 21 de marzo, cando os sete equipos que competiron nesta edición coñeceron nunha xuntanza que se desenvolveu na Casa do Saber cal sería a temática arredor da que deberían xirar todas as curtas que participasen no certame.
Finalmente, a temática elixida foi ‘amor, amar, amor’. Os equipos tiveron de prazo ata o martes 25 para finalizar e entregar a curta que debeu ser realizada integramente en tempo real, do 21 ao 25 de marzo.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte