Fotografías da Cabalgata de Reis de Lugo do 2025 / Autor: Loopez
O desfile levou por título ‘Nómadas’ e contou con 4 carrozas e 14 espectáculos teatrais itinerantes con máis de 80 artistas.
O percorrido volveu ser o habitual, partindo ás 18:00 do Parque da Milagrosa, continuando pola avenida da Coruña e entrando no centro pola Porta de San Fernando para continuar pola rúa San Fernando, rúa San Marcos, santo Domingo e rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello.
As rúas de Lugo ateigaronse de xente para dar a benvida aos Magos de Oriente.
Estivo organizado pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Antes da recepción dos Magos de Oriente ás nenas e nenos de Lugo, o rei Melchor dirixiuse a todas as persoas presentes na praza Maior, cunha mensaxe en liña coa temática dos espectáculos da cabalgata, adicada a aquelas persoas reais ou de ficción que coma os Reis Magos fan da viaxe o seu modo de vida.
Intervención Rei Melchor cabalgata 2025
Querida cativada lucense:
Quero dicirvos que estamos moi agradecidos de que este ano lle dediquedes a Cabalgata aos nómades, porque a pesares de que temos un fogar no Oriente, nós sentímonos un pouco así, principalmente nestas datas nas que facemos grandes viaxes polo mundo para chegar a todas e cada unha das vosas casas.
Sentímonos moi identificados, tamén, coas persoas que traballan nos circos e que fan da viaxe o seu modo de vida. Hoxe, unha pequena mostra dese universo de alegría e ilusión acompañou a nosa cabalgata.
Véñenme á memoria grandes expedicións como as 20.000 leguas de viaxe submarino, ou a volta ao mundo en 80 días, tan ben narradas por Julio Verne nos seus libros. Que importante é ler e que nos acompañe un bo libro nos nosos desprazamentos.
Sabemos que é unha das vosas peticións como agasallo nesta noite, pero non deixedes de ler un anaco todos e cada un dos días do ano. Lembrade que ler un libro é como facer unha viaxe na que poden suceder cousas extraordinarias.
Lembrade tamén que o importante dunha viaxe, máis alá de chegar ao destino, é desfrutar do camiño, da paisaxe, respectar os costumes dos lugares polos que pasamos, coñecer eses sitios e aprender das persoas que nos atopamos.
Respectar as plantas e os animaliños que viven nos lugares que visitamos, observalos sen molestar, non facer nada que poida causarlles dano.
Non hai nada máis fermoso que un lugar habitado por seres vivos diversos!
Hoxe tamén vimos acompañados de submarinos, zeppelíns, grandes animais… porque hai moitos xeitos de facer unha viaxe… o fundamental é ter esa inquedanza de explorar novos mundos, sexan reais ou imaxinarios.
Coma sempre foi un pracer pasear polas fermosas rúas de Lugo e ver esas caras ilusionadas da xente máis nova, aínda que tamén vimos algunhas persoas adultas que andaban máis preocupadas polos caramelos que de desfrutar desta marabillosa caravana.
Gustaríanos ter, como tivo Phileas Fogg, 80 días para dar a volta ao mundo, pero temos que facelo todo nunha soa noite, así que xa é hora de ir para dentro a escoitar as vosas últimas peticións.
Despois iremos casa por casa entregando os agasallos. É moito traballo, pero pracenteiro! Ademais, a Maxia fai que todo resulte máis sinxelo.
E máis nada. Grazas por recibirnos sempre tan ben en Lugo e que se cumpran os vosos soños. Vémonos dentro.
Viva Lugo, Axenda Cultural de Lugo.
https://www.facebook.com/vivalugo