Marzo 2019 Dentro do XV Curso de Primavera da USC Campus de Lugo, cuio tema xeral escollido está pensado para tratar de xeito transversal e pluridisciplinario o feito de andar e camiñar, de poñerse en movemento tanto as persoas coma os animais; vaise celebrar por primeira vez un certame de videocreación. As bases son as seguintes:
A partir da temática do Curso de Primavera “Andar, Camiñar, Marchar”, cada participante poderá presentar unha peza audiovisual que reflicta a súa interpretación creativa sobre esta temática. Entre as propostas recibidas escolleranse as sete mellores, que serán proxectadas o 12 de abril ás 16:00 h na Facultade de Humanidades; e posteriormente farase a entrega de premios á mellor linguaxe visual e o premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria.
BASES
O certame está aberto a toda persoa ou grupos de persoas que queiran participar, limitándose a unha peza por cada autoría.
As obras presentadas deberán ser inéditas e orixinais.
Cada obra pode ser realizada de maneira individual ou colectiva. No caso de que a peza audiovisual sexa feita por un grupo, deberase indicar unha persoa representante do mesmo ou un nome colectivo que firme a súa autoría.
Cada obra deberá levar a cortina de inicio dispoñible na páxina www.lugocultural.gal
A duración de cada obra será dun máximo de 5 minutos, incluíndo cortina inicial e créditos.
No caso de que a peza conteña linguaxe literaria oral ou escrita, valorarase preferiblemente a utilización do idioma galego.
No caso de que a peza conteña música, a persoa ou colectivo participante deberá acreditar a autoría ou a propiedade dos dereitos dela.
PRESENTACIÓN DAS OBRAS
Debe enviarse ao enderezo cultura.lugo@usc.es a folla de inscrición cuberta coa información da persoa ou colectivo participante e os datos técnicos e artísticos da obra, así como unha ligazón privada para visualización en liña.
Data límite de presentación das pezas: día 7 de abril ás 00:00 h.
PREMIOS
∙ Premio á mellor linguaxe visual (300 euros). Valoraranse os aspectos estéticos da obra referentes á imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual de cada peza.
∙ Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria (300 euros). Valoraranse os aspectos literarios da obra referentes ao guión e uso da linguaxe escrita ou oral.