A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco estrea web

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de publicar a web oficial da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco. En https://candidaturaribeirasacra.gal/ atopamos os contidos principais e visuais máis relevantes da candidatura, así como outros aspectos para o seu coñecemento e difusión. 

Estrutúrase en oito áreas, comezando pola presentación na que se dá a benvida ao usuario e se presenta os obxectivos deste, acompañado por un vídeo introdutorio para achegarse á candidatura, así como material audiovisual de alta calidade.

Os apartados Historia e Criterios explican dun xeito claro e visual os valores deste territorio e como estes responden aos criterios que establece a UNESCO para a declaración. Entre outras cuestións, exponse a importancia das ribeiras e das herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, e dáse conta de diversos aspectos do seu carácter excepcional.

Pola súa banda, a sección de Mapas contextualiza a localización do territorio da Ribeira Sacra en Europa, España e Galicia, así como o plano da delimitación que se inclúe na candidatura, xunto a datos clave de superficies, parcelas e poboación. Tamén se recolle neste apartado a visualización en secuencia de seccións topográficas reais do territorio, un percorrido dos vales do Sil e o Miño e a posición da ribeira e das herdades.

Neste sentido, cómpre dicir que a información planimétrica compleméntase co apartado de Delimitación, no que se recolle a información polo miúdo da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra coma ben de interese cultural e os enlaces para a información de detalle sobre a protección, que constitúen unhas das meirandes fortalezas da candidatura.

Visitas virtuais en 360º

Este web compleméntase coa selección doutros materiais relevantes que se estima que reforzan a candidatura, como o libro de fotografía Persoas que pintan a paisaxe, dispoñible para a súa descarga no apartado Publicación; ou unha interesante opción para realizar percorridos virtuais por 19 dos principais mosteiros e igrexas da Ribeira Sacra, dispoñibles na pestana Vistas 360º. Así, entre os escenarios que se poden visitar de xeito online neste apartado destaca o mosteiro de San Pedro de Rocas, a igrexa de Santa María de Montederramo ou o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un dos conxuntos máis sobranceiros do patrimonio cultural galego.

Finalmente, ofrécese un apartado co Calendario cos principais fitos acadados até o momento, que culminará coa presentación da mesma para o seu estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021, cando previsiblemente se coñeza o resultado da avaliación.