Comezou na praza Maior a última fase do proceso de restauración do busto de Xoán Montes. O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou de que “nesta última fase, limparanse as pezas de granito e de mármore, eliminando restos de óxido ademais de pintadas e manchas”.
O edil de Infraestruturas Urbanas lembrou que todo o proceso de restauración foi realizado polo estudo de arquitectura Parteluz, que eliminou a suciedade mantendo as marcas de envellecemento propias da peza. Penas informou que “o proceso de limpeza é o paso previo ao remate da actuación e a unha posíbel reapertura da figura”.
“A ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza Maior, o Círculo das Artes e a Catedral”, lembrou Alexandre Penas, que engadiu “o traslado faise por iniciativa de varios colectivos culturais de Lugo, e ten o obxectivo de resituar a figura do músico no centro de Lugo“.