A G-Night volverá a encher de ciencia as rúas de Lugo.
O programa inclúe obradoiros, demostracións e charlas de edición xenética, comunicación con fibra óptica, catas de pan, impresión 3D ou a vida dos parasitos.
A Rúa Quiroga Ballesteros e o Mercado Municipal acollerán as actividades propostas para toda a familia de 18.00 a 22.00 horas.
O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia e a Asociación de Investigadores/as AgroMar organizan o 29 de setembro unha nova edición da Noite Europea das Persoas Investigadoras, a G-Night, en Lugo.
A principal novidade reside este ano na localización, que será a Rúa Quiroga Ballesteros, no corazón peonil da cidade, así como o Mercado Municipal, un espazo emblemático que leva uns anos a reinventarse para usos diversos.
Tamén se introducen contidos novos na vintena de actividades previstas, ao aire libre e a cuberto, que servirán para amosar a público de todas as idades algunhas das investigacións máis atractivas que se desenvolven no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
A G-Night ofrecerá en Lugo obradoiros que permitirán achegarse a coleccións de parasitos, establecer comunicación grazas á fibra óptica, aprender os segredos da cata de pan ou dos microenxertos para a clonación de árbores en tubos de ensaio. As demostracións incluirán impresión 3D ou a produción de hidróxeno a partir da enerxía solar.
Desta volta, a G-Night ocupará tamén a rúa, con pantallas xigantes nas que se repasarán charlas e proxectos de investigación do campus e con dous monólogos científicos: A historia dunha parasitóloga parasitada e Unha charla moi picante. Todas as actividades serán de entrada libre e de balde.
Programación de obradoiros no Mercado Municipal de Lugo
Programa de actividades na rúa Quiroga Ballesteros
Mercado Municipal da Rúa Quiroga Ballesteros
Desde XuvenCiencia e AgroMar consideran que o Mercado Municipal da Rúa Quiroga Ballesteros, un edificio de principios do século XX dedicado durante décadas á comercialización alimentaria de proximidade e que desde os últimos anos está a ampliar os seus usos cara ao lecer (restauración, concertos, actividades culturais, etc), resulta acaído para dar a coñecer entre a veciñanza de Lugo as liñas de investigación dun campus universitario ligado ao mesmo sector agroalimentario do que proceden os produtos que alí se venden e compran.
G-Nigh
A G-Night é un evento coordinado pola UVigo para toda Galicia, que achegará a ciencia a rúas, museos, institucións educativas e bares.
Outro ano máis, a Noite Europea das Persoas Investigadoras celebrarase en Galicia con folgos renovados, da man dunha decena de universidades, centros e institutos de investigación, baixo o lema Conciencias Creativas. En Lugo realízase grazas á colaboración da Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo.
Tamén en: A Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense.