“A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira”, anunciou este xoves 03/09 Rubén Arroxo no acto de presentación do proxecto de peonalización da zona da Mosqueira.
O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e o xefe de servizo de Enxeñaría, Pablo Fuentes, presentaron este proxecto que servirá como espello de como se pode humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo coa retirada de vehículos.
“Lugo ten a única Muralla romana completa do mundo, un patrimonio da humanidade do que temos a obriga como goberno de protexer e potenciar”, lembrou Arroxo, que engadiu “tal como advertiu o Icomos, as vibracións dos vehículos están a causar problemas estruturais ao monumento, polo que unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista a peonalización do tramo da Mosqueira, é retirar progresivamente os vehículos da Muralla”.
O xefe do servizo de enxeñería municipal, Pablo Fuentes, explicou as cuestións técnicas do proxecto que a área de Mobilidade e Infraestruturas levará adiante. “Utilizaranse materiais de primeira calidade que melloren a imaxe do monumento”, declarou Pablo Fuentes, que explicou que “na contorna da Porta de San Pedro utilizarase lousa de granito mentres que para o resto do tramo utilizaranse materiais prefabricados”. Todo o proxecto seguirá os criterios da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza para destacar ao máximo o monumento. Entre outras labores a realizar, substituirase a iluminación viaria e ornamental da Muralla por luminarias con soporte no lugar das actuais luminarias enterradas o que, segundo Pablo Fuentes, “mellorará a imaxe da zona axardinada e do propio monumento”
O proxecto sairá a licitación cun orzamento base de 797.016,93€ e un prazo de realización de 8 meses.
Novo modelo de mobilidade na contorna
A área de Mobilidade planificou tamén o desvío do tráfico que circula entre a Rúa Vilalba e a Porta de San Pedro. O novo percorrido comezará en Ramón Ferreiro, seguindo por Salvador de Madariaga, que mudará o sentido da circulación, rúa Dinán, rúa Hermanitas e San Roque. Este novo percorrido terá preferencia na rede semafórica da contorna.
Futuro da Ronda da Muralla
Na presentación, Rubén Arroxo abordou o futuro da Ronda da Muralla no que está a traballar a área de Mobilidade e Infraestruturas. Nesta liña, Rubén Arroxo destacou que “durante estes meses, peche dun carril da Ronda permitiu analizar por vez primeira o tráfico que circula por ela, o que nos da un gran fluxo de datos para avanzar de cara na súa peonalización” “Desde a área de Mobilidade traballamos en converter o carril máis próximo á Muralla nun espazo peonil, humanizado, con vexetación e mobiliario urbano e que ao mesmo tempo protexa a estrutura do monumento e permita gañar espazo peonil”.
“O alto custe que tería realizar este proceso ao completo fai necesario que o realicemos por tramos” anunciou Rubén Arroxo, que engadiu “o primeiro tramo no que se realizará obra civil será o que conecta a Porta do Hospital e a Rúa Vilalba, do cal xa estamos realizando o proxecto de obra”. A área de Mobilidade mudará a peonalización temporal deste tramo por elementos fixos homologados no tramo máis próximo a Recatelo, e calcúlase que o inicio da obra sexa próximo ao inicio da Mosqueira, polo que “en 12 meses teremos a cuarta parte da Muralla peonalizada, e outro cuarto cun carril convertido en espazo peonil”
Rubén Arroxo explicou que “de forma planificada seguiremos avanzando na humanización da Ronda en sentido contrario ao tráfico”. Neste proceso a área de Mobilidade terá en conta os cambios que no futuro experimentará a Mobilidade na cidade, como a rotonda da porta de San Fernando que permitirá a entrada e saída por esa rúa, e a peonalización futura da rúa Montevideo.