A UNED de Lugo loita pola igualdade de xénero
A UNED de Lugo conmemora o 8M con varios actos reivindicativos da figura da muller durante todo o mes.
O Centro Asociado da UNED de Lugo únese, como é tradición anual, á conmemoración do Día Internacional da Muller.
Ao longo do mes de marzo, tinguido co distintivo cor violeta, levaranse a cabo diversas iniciativas que reflexan o firme compromiso co feminismo e a igualdade de xénero en todos os sectores e ámbitos da vida.
Estas accións, aliñadas coa Axenda 2030, subliñan o compromiso a nivel local e provincial como difusor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente o ODS 5: «Igualdade de Xénero».
Durante todo o mes, as instalacións da universidade albergarán a exposición da obra da artista Ana Rodríguez, tamén coñecida como Anama. Baixo o título «Mulleres contra a fenda de xénero», a artista, a través das súas pinceladas, denuncia as diversas desigualdades sufridas polas mulleres.
Adicionalmente, os días 2 e 3 de abril levaranse a cabo as «IV Xornadas Aprendendo Feminismo: Despatriarcalizando a Sociedade».
Nesta nova edición, abordaranse os desafíos actuais na axenda feminista, destacando o ODS número 5 da Axenda 2030, que busca garantir a participación plena e efectiva das mulleres, así como a igualdade de oportunidades en todos os niveis da vida. Conta coa participación de destacadas relatoras como Mar Carballo Cela, Concepción García Vázquez, Felisa Redondo Valín, Chis Oliveira e Priscila Retamozo, Carmen Abuín González e Comadres das Letras.
No marco das celebracións, exhibirase «Sementando Feminismo», unha árbore violeta con frases feministas e de mulleres relevantes na historia. Todas as persoas que visiten a universidade poderán contribuír colgando unha frase reivindicativa e compartila coa comunidade.
A UNED de Lugo, comprometida coa igualdade de xénero, reafirma o seu apoio á participación plena e efectiva das mulleres en todos os ámbitos da vida. Este marzo, a universidade vístese de violeta, resaltando o seu decidido compromiso co feminismo e a igualdade en todos os sectores e aspectos da sociedade.