Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, deu conta das actividades que acollerá o Cemiterio Municipal nos vindeiros meses para “achegar o noso patrimonio artístico, arquitectónico e histórico”. “O noso cemiterio é un lugar fermoso, cheo de cultura e historia, cun contido cheo de arte funerario de gran beleza”, afirmou Cristina López.
As actividades comezarán na mañá do vindeiro xoves 19, a partir das 12h, coa celebración do día do pai, cunha ofrenda floral a todos os pais a cargo da Escola Palimoco de Teatro. Na tarde do domingo 29, a partir das 17:30 horas Achádego Teatro realizará un faladoiro de domingo adicado a arquitectos e canteiros. Estes faladoiros terán lugar tamén o 26 de abril, o faladoiro estará adicado a pintoras e pintores. Por último, no mes de maio, adicarase a escritoras e escritores.
No mes de maio terá lugar tamén, o domingo 3 a partir das 12h, a celebración do día da nai, cunha ofrenda floral a todas as nais a cargo da Escola Palimoco de Teatro. No mes de xuño serán tres as actividades, comezando ás 21 horas do venres 3, coa Escola Palimoco representando fragmentos da vida de Lorca nunha intervención teatral no cemiterio. O domingo 21, Achádego Teatro guiará unha visita nocturna, a partir das 21h, que pasará polas tumbas dos persoeiros ilustres. Por último, no mes de xuño, realizarase un concerto de música clásica, con data aínda por determinar.