Actividades en Lugo polo Día de Rosalía: actuacións teatrais, murais e exposicións para reivindicar a obra de Rosalía
Promovidas pola área de Cultura da Deputación de Lugo:
O mércores 23 de febreiro inaugurarase na Praza de San Marcos a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, unha mostra promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro que recolle a historia dun logro colectivo como foi a musealización da Casa da Matanza, en Padrón, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.
Trátase dunha exposición exterior artellada arredor dunha estrutura de aluminio encrucillada, que suxire un espazo doméstico, e que recolle, a través de imaxes de gran formato e breves texto, a historia da Casa de
Rosalía en seis capítulos.
A mostra permanecerá en San Marcos durante tres semanas e, a finais de marzo, iniciará unha itinerancia que a levará a outras sete localidades.
Ese mesmo día, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema “Quixente tanto, neniña” de Cantares Galegos. As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos.
Dúas montaxes sobre Rosalía, en xira polas comarcas
A programación da área de Cultura arredor de Rosalía tamén inclúe representacións das obras teatrais “Libre coma os paxaros”, de Teatro do
Atlántico, e “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, que teñen como nexo estaren inspiradas na obra e na figura da autora.
Murais homenaxe a Rosalía de Castro
O muralismo terá un ano máis o seu lugar nesta programación cultural. Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft, realizarán
murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos, atendendo ás peticións de concellos, asociacións e centros escolares. En total, realizaranse nove intervencións artísticas.
Actividades nos museos
Con motivo da celebración do día de Rosalía de Castro, a Rede Museística Provincial de Lugo ofrece unha programación de actividades didácticas que terán como eixo central os conceptos de “terra” e “migración”, fundamentais na obra da poetisa. Os catro museos da Rede acollerán obradoiros entre o 19 e o 26 de febreiro. Cómpre inscrición no enderezo electrónico concertacionsrmp@gmail.com
Ademais, o mércores 23 de febreiro as comunidades dos catro museos uniranse virtualmente nunha lectura conxunta da obra de Rosalía de Castro, a partir das 12.00 horas.
A Rede Museística tamén porá a disposición de centros educativos e familias unha unidade didáctica sobre Rosalía de Castro, que poderá descargarse na web comunidadermpl.es
Colaboración coa AELG
A Vicepresidencia da Deputación sumarase aos actos organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o día 23 de febreiro no
Parque de Rosalía de Lugo (12.00 horas): unha ofrenda floral, a lectura do manifesto “Semetando pensamentos” e unha lectura pública de poemas e
textos de Rosalía de Castro,
Maite Ferreiro explicou que “se trata de propostas moi diversas, que se
adaptan a diferentes espazos e públicos, que invitan a achegarse á
figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual,
reivindicando o seu papel como autora cabeceira da literatura galega
pero tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais
e da lingua e da cultural”
“Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido
asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de
Rosalía e seguir impulsando o carácter popular, festivo, e tamén
reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha
década”, sinalou a responsábel de Cultura.