As actividades do día das Letras Galegas comezarán o día 15 de maio, co espectáculo poético musical Por Xela, Letras Galegas 2021, que comezará ás 20:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Trátase dun espectáculo multidisciplinar adicado a Xela Arias, con 3 disciplinas artísticas: música, poesía e fotografía. Un evento que contará nove mulleres no escenario, 5 músicas da Banda da Loba e 4 poetas actuais galegas, e a proxección dos retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil.

ENTRADAS de balde en https://www.entradaslugo.es/

A parte poética do espectáculo está comisionada por Tamara Andrés, tradutora e poeta galega especializada en Xela Arias, e contará coa participación de Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil, Helena Salgueiro e Vanessa Glemsel, poetas contemporáneas galegas relacionadas coa música, a fotografía e a performance.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, as actividades que o Goberno Municipal organiza de cara ao día das Letras Galegas.

A  parte musical do espectáculo correrá a cargo da BANDA DA LOBA. Formación musical galega, composta por cinco mulleres asentadas no concello da Estrada, que están revolucionando a musica galega coa súa mestura de música e literatura. Os poemas musicados pola banda pertencen aos catro poemarios publicados por Xela Arias: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).

As redes sociais da área de Cultura mostrarán entre o 15 e o 17 de maio as actuacións de 6 grupos de música de Lugo, baixo o ciclo En Galego ao teu ritmo. Cada día emitiranse dous concertos de música en galego, que permitirán, segundo explicou Maite Ferreiro, “achegar a música e festexar as nosas letras con todas as persoas que non poden asistir ás actividades presenciais”.

O propio 17 de maio, a área de Cultura agasallará un libro en galego a todas as persoas que se acheguen á praza Maior. A actividade terá lugar entre as 12 e as 14 horas, e as persoas que o desexen levarán un libro procedente do fondo bibliográfico municipal. “Quixemos repetir esta actividade que foi un éxito no pasado Día do Libro, achegando as obras editadas polo Concello a todas as veciñas e veciños”, afirmou Maite Ferreiro.