O Concello anula a celebración do Arde Lvcus nas datas previstas e convoca aos colectivos para traballar xuntos nas alternativas
A concelleira de Xuventude avanza que o escenario de restricións de movementos imposibilitará celebrar esta festa como ata agora xa que atrae a miles de persoas á cidade.
O Goberno de Lara Méndez sostén que a excepcionalidade deste ano suporá un reto engadido en creatividade, innovación e adaptación.
O Concello buscará fórmulas para manter as axudas destes colectivos e inxectar fondos no sector do turismo, especialmente afectado pola derivada económica da crise.
Ana González Abelleira, concelleira de Xuventude, comunicoulle as asociacións e colectivos que participan na organización do Arde Lvcvs que o Concello anula a celebración destas festas previstas para o vindeiro mes de xuño debido a que “neste escenario tan imprevisible, aínda que se supere o confinamento nas próximas semanas, as medidas de restrición no movemento de persoas impedirían celebralas como ata agora, xa que atrae a miles de persoas á cidade”.
A concelleira, que chamou aos representantes dos distintos colectivos por teléfono e aos que tamén lle remitiu unha carta, explicou que o Goberno local “mantivo ata o momento a máxima cautela e prudencia á hora de tomar unha decisión sobre se mantiñamos a festa, cambiabamos as datas ou a anulabamos, tendo en conta que a primeira premisa debe ser o coidado da saúde da nosa veciñanza e das persoas que nos visitan, que nunca se pode pór en risco, sen esquecernos tampouco de que estas festas supoñen un enorme revulsivo económico para a nosa cidade”.
O vindeiro martes 28 celebraráse unha reunión telemática para estudar coas asociacións alternativas para manter vivo “o espírito e a chama do Arde Lvcvs, e iso suporá que traballaremos para que siga sendo ese referente festivo e cultural que sitúa a Lugo no mapa nacional e internacional”, sostén a edil, que destaca que “a excepcionalidade deste ano suporá un reto engadido en canto a creatividade, innovación e adaptación. A excepcionalidade obríganos a pensar en ideas novas”.
Nesta xuntanza online, o Concello avanzará o novo escenario no que traballa para que os participantes trasladen as súas opinións ou aportacións. “O Arde Lvcvs é unha festa de todos os e as lucenses. Xuntos conseguimos que sexa o referente que é hoxe en día e xuntos conseguiremos enfocar estas novas circunstancias para que o siga sendo”, sinalou a edil.
O Concello tamén buscará fórmulas para manter as axudas destes colectivos e inxectar fondos no sector do turismo, especialmente afectado pola derivada económica da crise sanitaria.
A concelleira comentou que “as perspectivas de celebración non son alentadoras para ningunha das festas similares, tal e como quedou patente na xuntanza que mantivo esta maña coa Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas (AEFRH).