O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, participou nun encontro virtual con artesáns e artesás para analizar a situación en que se atopa o sector ante a crise provocada pola Covid-19 e avanzou que o Centro de Artesanía e Deseño está a traballar nunha liña de axudas directas cun importe mínimo de 50.000 euros. “Son achegas directas, que beneficiarán a todos os artesáns e artesás acreditadas. Estamos rematando de elaborar as bases para sacar adianta a convocatoria en canto sexa posible, e tratar de axudar ao sector no momento máis agudo da crise, dentro das nosas
posibilidades”, expuxo o deputado.

Os participantes confirmaron que a pandemia obrigou a suspender feiras, envíos de pedidos e visitas de grupos que xestionaran nos últimos meses, afectando as súas economías. Tamén manifestaron a súa preocupación polo turismo, fonte de ingresos para os proxectos artesáns máis apegados ao territorio.

No encontro virtual participaron Francisco Fra, que ten en San Cibrao a única carpintería de ribeira en activo da provincia; a deseñadora Pilar Cupeiro, que leva o seu obradoiro de iluminación e artes plásticas en Cospeito; a xoieira lucense Estefanía Gazol de Mil Brumas; Elías
González, que segue a tradición oleira de Gundivós ; e o luthier Xaneco Tubío, que ten o seu obradoiro de instrumentos en Outeiro de Rei.

Fotos de arquivo.