Aplicación para coñecer a arte urbana lucense. Dispoñible para a súa descarga gratuíta en Play Store.
No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Ánxel Fole de Lugo, presentouse a aplicación para móbiles «Arte urbana lucense», dispoñible para a súa descarga en Play Store.
 
A aplicación recoñécese por unha icona que, inspirada na muralla de Lugo, representa os cubos da fortificación romana mediante botes de spray e fai unha chiscadela ao río Miño a través da pintura azul que escorre por un dos envases.
 
Á aplicación, creada co programa gratuíto APP Inventor, trasladouse o material previamente inventariado e recollido no libro «Arte urbana lucense. Fichas de catalagoción», publicado en versión dixital en xaneiro de 2022 e en formato impreso en setembro do mesmo ano (esta última edición grazas ao patrocinio de Cultura e Turismo de Lugo).
 
Na elaboración da app atendeuse tanto a cuestións de programación informática coma a aspectos funcionais e estéticos: deseño da icona identificadora, confección dos diferentes fondos de pantalla para cada un dos niveis xerárquicos, etc.
 
A aplicación permite localizar as obras de arte urbana do catálogo (murais, graffiti e lettering) nun plano da cidade, clasificalas por barrios, consultar a súa descrición ou trazar a ruta que conduce ata elas.